NOTA PRENSA
Tras o pase haberá un coloquio co xornalista Nicolás Castellano, guionista da peza que dá voz aos mozos migrantes, os verdadeiros protagonistas
NARÓN INCORPÓRASE Á REDE ACAMPA POLA PAZ E ACOLLE A PROXECCIÓN DO DOCUMENTAL “M” SOBRE OS ESTIGMATIZADOS ‘MENAS’
O concello de Narón, a través do Padroado da Cultura, incorporouse á rede Acampa pola Paz. Por iso, e no marco do VIII Encontro Internacional Acampa “Infancia e mocidade refuxiada” acollerá a proxección do documental “M” que relata a dureza das vivencias dos menores non acompañados que chegan ao noso país.
A presentación de Acampa pola Paz, o documental e o seu posterior coloquio terá lugar o mércores, 22 de maio, ás 19.30 horas, no Pazo de Cultura naronés.
A Coruña, 14 de maio de 2024.- A vocación de Acampa pola Paz desde a orixe foi clara. Estenderse. Replicarse en distintas cidades, naquelas cun claro compromiso na defensa dos DDHH e o Dereito Internacional Humanitario. Narón o é. Por iso, o mércores 22 de maio, no Pazo da Cultura da localidade, presentarase oficialmente a rede Acampa pola Paz, á que se incorpora o Padroado de Cultura naronés, e haberá un pase do documental M que dá voz a algúns deses centos de menores migrantes que chegan a España en soidade, en busca de futuro, para fuxir da pobreza, a violencia ou as guerras.
Enmarcado na programación do VIII Encontro Internacional Acampa pola Paz “Infancia e Mocidade refuxiada”, o acto terá lugar ás 19.30 horas e contará coa presenza da alcaldesa naronesa, Mariám Ferreiro, quen estará acompañada do coordinador de Acampa, o fotodocumentalista Xosé Abad. Ao termo do documental, haberá unha charla co seu guionista, o xornalista especializado en migracións e DDHH, Nicolás Castellano.
M, que fai posible escoitar en primeira persoa aos estigmatizados “menas”, naceu como unha homenaxe aos falecidos Ignacio de la Mata e o pai Gabriel Delgado, cuxo traballo en defensa dos menores non acompañados é referente. O pai Gabriel sempre insistía, “os mozos que veñen de maneira irregular, se son menores de 18 anos, non son migrantes, son nenos”. Gravada en Madrid, Barcelona, Tenerife, Gran Canaria e Cádiz, o documental conta con catorce protagonistas: Mohamed O Harrak, Hicham Benay Harrak, Asma Bouzazi, Abdelilah Allouch, Ismail O Majdoubi , Aboubakar Konate, Mamadu Camara , Coussama Mazari, Chouaibou Oumaru, Linili Baulini, Kane Baba Dit Siaka, Bilal Baulini, Aboubakar Drame e Bouba Barry. M fala con voz de neno sobre as difíciles travesías ata chegar a Europa, nunha feble embarcación a través da mar ou debaixo dun camión. E sobre a dureza do que atopan. M esconde moitas cousas, todos eses “conceptos” cos que a Europa xenófoba refírese a eles; “non só menor ou migrante. Tamén mena, mouro, merda…” explica Castellano. De Marrocos, Mali, Camerún, Malawi, Guinea... As súas voces falan do estigma que sufriron ata chegar ao que na actualidade son: mediadores sociais, deportistas, camareiros, cantantes ou estudantes.
Na proxección que agora chega a Narón da man do seu Padroado de Cultura e Acampa pola Paz pódese ver a traxectoria deses nenos que, na maior parte dos casos, acaba sendo exitosa. “Só necesitan o apoio das institucións para integrarse nunha sociedade á que chegan non para delinquir, senón para contribuír”, en palabras do guionista.
Acampa pola Paz aproveita esta primeira colaboración co Concello de Narón para agradecer publicamente a súa receptividade a esta proposta reflexiva ao redor dos DDHH e o Dereito a Refuxio e para darlle a benvida tras a súa incorporación á rede.