A Xunta da Galiza prepárase para volver aplicar neste verán os recortes das tempadas pasadas. Neste sentido, as autoridades sanitarias avanzan o feche de camas nos hospitais e a redución de servizos nos centros de saúde. A este respecto, os colectivos en defensa da sanidade critican o Goberno galego pola súa “improvisación”.
Os responsábeis da Consellaría de Sanidade avanzaron esta terza feira a intención de dar continuidade neste novo exercicio ás liñas aplicadas en anos pasados para facer fronte as baixas de profesionais xeradas en Atención Primaria e Atención Especializada polas vacacións de verán. Así, en 2023, o Goberno galego procedeu ao feche de 665 camas hospitalarias no conxunto das áreas sanitarias galegas e deixou sen cubrir a práctica totalidade das vacantes estivais en Atención Primaria.
Antonio Gómez
Antonio Gómez Caamaño, o novo titular de Sanidade nomeado por Alfonso Rueda, sinalou esta terza que “a situación é complicada e estamos empezando a planificar, en primeiro lugar estamos facendo unha análise da situación porque é variábel en función da localidade". Nesta liña, apostou por recorrer de novo a “médicos itinerantes” para prestar servizos nas zonas con máis presión asistencial e abriu a porta contratar persoal médico interno residente (MIR) en Atención Primaria e nas urxencias hospitalarias. Ao tempo, suxeriu «incentivar o goce das vacacións fóra do período estival onde adoitan acumularse as dificultades de contratación, a distribución de efectivos e quendas ou outras medidas».
Gómez Caamaño recoñeceu que estas dúas alternativas non deixan de ser propostas pendentes de concretar. Nesta liña, asegurou que o seu departamento non rematou de “planificar o verán" e aínda está “coordinando” coas áreas sanitarias os plans de continxencia. Asemade, significou as dificultades técnicas da súa proposta porque “non podes facer que un residente traballe con contrato de adxunto, pero si como médico residente cunha prima por un traballo específico». Nesta dirección, precisou que “isto é voluntario, é un exercicio de xenerosidade dos residentes ao sistema público de saúde».
Manuel Martín
O voceiro de SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, denunciou, en declaracións a Nós Diario, que “a Consellaría de Sanidade non planifica para solucionar os problemas de calidade asistencial que se xeran no verán pola falta de persoal senón que traballa para que non haxa contestación social”. Neste sentido, explicou que “as declaracións do conselleiro só buscan pór a venda antes da ferida diante dun problema criado pola administración”.
Martín criticou que “a esta altura da tempada a Consellaría de Sanidade non teña preparado un plan para facer fronte á situación asistencial que se xera no verán”. Neste sentido, lamentou a “improvisación dun Goberno que aínda está estudando propostas, malia coñecer desde hai anos o problema que se dá no verán, porque polas vacacións falta persoal de medicina e sobre todo de enfermaría”. Aliás, indicou que “o feche de camas mantén os hospitais semiparalizados e así non hai xeito de rematar coas listas de agarda”
O Goberno galego fechará 170 camas na área sanitaria de Vigo
A fin de semana arranca o feche de camas no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo polo período estival. Nesta ocasión, o feche vai ser máis amplo no Hospital Álvaro Cunqueiro, onde se prevén clausurar entre 110 e 114 camas desde o 15 de xullo ao 2 de setembro. Pola súa banda, Hospital do Meixoeiro ficarán fóra de servizo 30 camas a partir desta sexta feira e outras 30 desde comezos de xullo, que se suman ás que permanecen sen actividade durante todo o ano.
A nova chegou onte, no mesmo día en que Gómez Caamaño confirmou cambios na realización do seguimento dos pacientes do servizo de Oncoloxía no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), perfilando os seguimentos en función de "a agresividade" do tumor "ou o risco de recorrencia", é dicir, de recaída unha vez superada a enfermidade.