Saltar ao contido principal

Ferrol volverá abrir o calendario de feiras do libro de Galicia, o día 19

 Sete librarías participan nesta edición, que volve ofrecer un 10% de desconto


Ferrol volverá abrir o calendario de feiras do libro de Galicia, o venres 19, que se desenvolverá, como é habitual, na praza da Constitución, no Cantón de Molíns, con pregón da autora de literatura infantil Paula Merlán. Ademais das casetas das sete librarías e editoriais que participan –Pedreira, Metrópolis Cómics, Cartabón, Edicións Embora, Central Librera Real, Estraviz e Central Librera Dolores–, onde se desenvolverán diferentes actividades, nomeadamente sinaturas de libros, unha carpa centralizará as presentacións e os coloquios. 


Nesta edición, todos os libros que se merquen terán un desconto do 10%, un incentivo máis co que a organización da feira, a cargo da Federación de Librarías co apoio do Concello, a Xunta e a Deputación, quere promocionar a cultura.


A mestra e autora de literatura infantil Paula Merlán será a encargada de ler o pregón desta edición ese mesmo venres 19 ás 12.30 horas, aínda que a actividade principiará unha hora antes cun espectáculo infantil, que leva por título “Son Animal” a cargo de Paco Nogueiras.