A UNIÓN É A NOSA FORZA MÁIS PODEROSA
DESDE A REDE ACAMPA CONVOCAMOS UN ACTO UNITARIO DE REXEITAMENTO
Un minuto de silencio pola infancia: A Coruña, unida e firme no rexeitamento ao masacre
A Coruña, 15 de abril de 2024
Nun mundo onde imperan a violencia e a crueldade, exercidas por unha minoría con intereses alleos á convivencia e á humanidade, a infancia convértese na vítima máis vulnerable. Os nenos e nenas, seres cheos de soños e esperanza, ven as súas vidas truncadas polo desatino da guerra. Levamos os últimos meses véndoo, atónitos, nos corpos masacrados do pobo palestino en Gaza, arrasado por Israel, alén de calquera dereito que poidan invocar.
A Coruña, cidade referente no seu compromiso coa paz e a defensa dos Dereitos Humanos, non fica impasible ante esta traxedia.
Por iso a Rede Acampa pola Paz CONVOCA a toda a cidadanía unida a UN MINUTO DE SILENCIO, A UN MINUTO DE UNIDADE como símbolo de profunda repulsa á violencia que arrebata a vida aos máis pequenos. SEXAMOS UNHA SOA VOZ.
O acto terá lugar o día 9 de xuño ás 12:00 h nos Xardíns de Méndez Núñez, diante do Memorial que instalaremos fronte ao Palco da Música. Neste espazo emblemático da nosa cidade poderemos expresar xuntos a nosa dor e a nosa solidariedade coas familias que perderon os seus fillos e fillas nas guerras.
Un MINUTO DE SILENCIO que será un berro pola paz. Un clamor que se elevará desde A Coruña para unirse ás voces de todas as persoas que arelan un mundo onde a infancia poida florecer sen medo.
Invitámosvos a DIFUNDIR e participar ACTIVAMENTE neste acto de profunda significación. Xuntemos todas as voces nunha para mostrarmos o noso rexeitamento á guerra e defendermos o dereito fundamental das nenas e nenos á vida, a seguridade e a felicidade.
Que o noso silencio sexa unha ACCIÓN de esixencia para que os gobernos votados para representarnos escoiten a nosa demanda dun presente de Paz e un futuro mellor.
Esperámosvos!
Xuntas somos máis fortes!
Organiza: Rede Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio
#UnMinutoDeSilencio #InfanciaSenGuerra #Paz