[Alberte Mera]
Despois da celulosa en Pontevedra, impulsada con Franco e prorrogada até 2073 por Mariano Raxoi (PP) estando en funcións na Presidencia do Goberno español, chega Altri, unha celulosa na Ulloa.
O día de onte a alianza Xunta-PP-Altri deixou lama para a historia. A xornada comezou con normalidade, os técnicos de Altri foron a Melide vender bondades do proxecto de pasteira. A veciñanza preguntou que ía pasar coas terras, a calidade da auga, o Camiño de Santiago, o turismo...
As respostas non convenceron, e rexeitaron a celulosa ao berro de "Altri, non". O que é un acto pacífico e democrático foi cualificado por Altri de "veciños violentos", e insultando o pobo cancelaron o resto de reunións informativas (Agolada, Santiso, Antas de Ulla) no mesmo día en que tiñan convocados os veciños e as veciñas. Elas reuníronse igual para tentar saber e organizarse fronte a esta ameaza ambiental. E fixérono con temor despois de ouvir ao presidente da Xunta da Galiza.
Don Diñeiro di o que hai que facer, e quen fai, Rueda, foi claro onte a preguntas deste xornal. Cuestionado pola falta de negociacións para teren terreos para construír a celulosa, Rueda dixo que aí non había problema e repreguntado por expropiacións deu aviso a navegantes... "Non sería a primeira vez". Efectivamente, non sería a primeira vez que o capital e os mal gobernos rouban terras ao pobo para darllas a empresas contaminantes.