| 8:01 (hace 3 horas) | |||
Gaza, conversa aberta.
Un encontro coa prensa e a cidadanía para falar da crise humanitaria en Gaza e das accións para denunciar e parar este xenocidio
Ana Miranda Paz, deputada do BNG no Parlamento Europeo e Sami Ashour, presidente da Asociación Galaico Árabe Jenin intervirán nesta conversa presentada por Ángela Gippini, representante da Asociación Galiza por Palestina.
Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2024. As Asociacións Galaico Árabe Jenin e Galiza por Palestina convidan á prensa e á cidadanía de Compostela a asistir a unha conversa sobre a situación actual en Gaza e a crise humanitaria provocada pola guerra e o bloqueo por parte de Israel da fronteira de Rafah. Un acto que se celebrará no Salón Rahid do Hotel Eurostars Araguaney en Compostela, o vindeiro venres 15 de marzo ás 20h, entrada gratuíta até completar aforo.
Ana Miranda ven de realizar unha visita oficial á fronteira de Rafah para comprobar a crise provocada polo bloqueo á entrada de axuda humanitaria. Falará ademais das accións políticas e mocións presentadas no Parlamento europeo e dos movementos sociais de solidariedade en Europa.
Sami Ashour, nado en Gaza, trasladouse coa súa familia a Galicia hai 16 anos onde se doutorou en economía e traballa na USC. É o presidente da Asociación Galaico Árabe Jenin e un dos representantes da comunidade palestina mais recoñecido en Galicia.
Dende as nosas asociacións denunciamos que o desprazamento forzoso da poboación é contrario ao Dereito Humanitario Internacional. A poboación de Gaza, máis de 1,7 millóns de persoas apiñadas en Rafah e parte da poboación no norte á que é imposible chegar. A maioría da poboación apenas sobrevive nos campos de refuxiadas, Non hai refuxios seguros ante os ataques de Israel, a entrada de axuda humanitaria por terra bloqueada, o lanzamento de axuda desde avións é insuficiente e, cando chega, a poboación arríscase aos ataques do exército israelí, que dispara á poboación civil desarmada e famenta.
Con este encontro queremos traer información de primeira man con datos contrastados e probas gráficas. Cremos que é a nosa responsabilidade como organizacións sociais denunciar este xenocidio, mudar o discurso mediático e promover accións encamiñadas a parar este masacre.
Neste acto, presentamos en primicia a curta documental “Tentando sobrevivir”, dirixida polo artista gazatí Bashar Albelbisy. Unha iniciativa do grupo Alfoursan Arts de Gaza, quen defende que a arte ten o poder de crear impacto positivo na sociedade e promover as normas e valores dunha comunidade unida. Este grupo diverso de cincuenta artistas ten en común a crenza no cambio social e a defensa da importancia da responsabilidade social.
Este evento está organizado pola Asociación Galaico Árabe Jenin e a Asociación Galiza por Palestina coa colaboración da Fundación Araguaney.
Enlaces de interese: @foursan.pdt conta do colectivo Alfoursan Arts en IG.
Contactos
Sami Ashour: 677604336
Angela Gippini: 654346081
Agradecemos asistencia e difusión.
Un saúdo