PP, BNG e Moveneda votan a favor dunha moción da formación nacionalista que tamén pedía o cambio de nome da rúa que homenaxea o alcalde franquista Gerardo Luaces
A cruz franquista de Neda (Ferrolterra) non será retirada. Así o acordou esta segunda feira o Pleno do Concello, no que a maioría absoluta do PSdeG impediu a aprobación dunha moción defendida polo BNG na que se instaba, non só á retirada da mencionada cruz "dos caídos", senón tamén á substitución do nome da rúa que homenaxea o alcalde franquista Gerardo Luaces.
O grupo dos socialistas fundamentou a súa postura na "necesidade de resignificar" a cruz dos caídos e "convertela nun símbolo de concordia", e aprobou unha emenda propia á moción do BNG na que trasladaba a decisión a unha Comisión de Memoria Democrática.
Cos votos a favor do PP
Porén, a "sorpresa", segundo relata a Nós Diario o preso político, sociólogo e investigador Manuel Monge –que puido intervir na defensa da iniciativa–, non foi a negativa do PSdeG a aprobar a moción –algo que xa fixera en 2022 cunha iniciativa similar–, senón os votos a favor do grupo do PP. E é que os populares gobernaron Neda entre 2011 e 2015 "sen mover un dedo por retirar a cruz franquista", explica Monge. "Non se deu en ningún outro concello o caso de que o PP votase a favor de retirar un monumento franquista e o PSdeG en contra!", exclama o investigador.
Co recordo da recente inauguración en Ferrol dun monumento á memoria das persoas represaliadas da comarca –entre as cales figura veciñanza de Neda–, e existindo tamén na bisbarra os casos de Fene, Ferrol ou Narón, que tamén retiraron cruces franquistas, a negativa do PSdeG a retirar a de Neda é, para Monge, unha "anomalía".
"Que non se retire xa esta cruz é unha exaltación da ditadura franquista", valora, referíndose a unha sentenza do Tribunal Supremo que avalou a retirada dun destes símbolos en Callosa del Segura, Alacant.