Desde a Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia apoiamos á Convocatoria de manifestación en Santiago o 21 de xaneiro en Santiago de Compostela en protesta pola xestión da vertedura de pélets e 'En defensa do noso mar' en Galicia.
Queremos mostrar a solidariedade dos colectivos sociais e organizacións que integran a nosa Plataforma (que levemos anos loitando contra a deterioración e desmantelamento do Sistema Sanitario Público e para recuperar o dereito a unha asistencia sanitaria pública e de calidade), coa asemblea das plataformas, agrupacións de mariscadoras e ecoloxistas que a convocan e coa súa loita contra do desastre ambiental, económico e sanitario destas verteduras plásticas.
O deixamento político, a influencia de poderosos grupos económicos e a incapacidade para xestionar os recursos públicos da Xunta de Galicia, poñen novamente en risco a saúde da poboación, ao expoñela aos produtos tóxicos que asolagan as nosas praias e que é incapaz de previr e erradicar.
Esta nova catástrofe ecolóxica mostra a necesidade de esixir ás nosas autoridades a necesidade de lexislar e de contar con infraestruturas e recursos públicos suficientes e ben xestionados, para garantir a saúde e a vida da poboación e previr os riscos que a poden afectar.