A Plataforma SOS Sanidade Pública na
rolda de prensa convocada o martes día 5 de decembro á 11,15 da mañá no Centro Sociocultural As Fontiñas de Santiago de Compostela,
anunciou a convocatoria dunha MANIFESTACIÓN o domingo 4 de febreiro ás 12,
desde a Alameda de Santiago de Compostela.
E antes, unha CONCENTRACIÓN diante do Parlamento
galego, o 19 de decembro ás 12 da mañá.
SOS Sanidade
Pública entende que os orzamentos presentados pola Consellería de Sanidade non
responden as necesidades reais da Sanidade Pública e consolidan a situación
actual de debilitamento e privatización.
A cidadanía sabe
que a situación da Atención Primaria é límite e que necesitaba un pulo
importante para poder desenvolver as súas capacidades e este pulo non aparece
nos orzamentos presentados, que seguen a estar lonxe do obxectivo do 25% do
orzamento total da sanidade Pública, quedando no 14%.
A Atención
Hospitalaria segue arrastrando un importante problema de accesibilidade, con
listas de agarda non publicadas, so se publican as estruturais, o que ocasiona
retrasos nos procesos xa que os diagnósticos tardan máis en confirmarse e as intervencións
cirúrxicas tardan en realizarse. Ademais, nos hospitais atopamos un importante
problema de falta de profesionais, que teñen que atender a máis pacientes
ingresados que os que recomendan as sociedades científicas. E a solución a
estes problemas tampouco está nos orzamentos.
As enfermidades
relacionadas coa saúde mental son un problema emerxente na sociedade actual e
resulta evidente que a Sanidade Pública non está a dar a resposta que se
necesita, a proba é o elevado número de psicofármacos que toma a nosa
poboación, cando sabemos que hai alternativas mellores á resposta
farmacolóxica, a única posible cando faltan profesionais. Por isto desde SOS
Sanidade Pública reclamamos a presenza da Psicoloxía Clínica na Atención
Primaria, non dun xeito simbólico senón como parte importante da resposta que
ten que ofertar a Sanidade Pública ás persoas con problemas de Saúde
Mental.
Desde SOS Sanidade
Pública queremos insistir en que non podemos asumir como normal esta
situación da Sanidade Pública. E queremos recordar que hai alternativas, como a
presentada na ILP sobre Atención Primaria co apoio de máis de 50.000 sinaturas.
É posible outra
sanidade Pública e para reclamala convocamos unha MANIFESTACIÓN o domingo 4 de
febreiro ás 12, desde a Alameda de Santiago de Compostela.
E como o detonante
da convocatoria foi a constatación de que os Orzamentos do ano 2024 non ían na
liña de responder ás necesidades da cidadanía, convocamos, tamén, unha CONCENTRACIÓN
diante do Parlamento galego o 19 de decembro ás 12 da mañá para reclamar
uns orzamentos xustos para a Sanidade Pública.
SOS SANIDADE
PÚBLICA