Saltar ao contido principal

A plataforma Cerdedo pola Sanidade Pública lamenta que a xerencia non ofreza solución ás carencias de atención pediátrica

 

A plataforma Cerdedo pola Sanidade Pública lamenta que a xerencia non ofreza solución ás carencias de atención pediátrica

Redacción

Por Redacción
hai un día

Representantes da plataforma Cerdedo pola Sanidade Pública mantiñan este luns un encontro con José Flores, xerente da área sanitaria Pontevedra-O Salnés; con María Ocampo, directora de Primaria; e con Concepción Abellas e Silvia Amoedo, directora e subdirectora de Enfermería.

Desde a plataforma indican que non se concretaron solucións para as reivindicacións veciñais. Neste sentido, sinalan que o xerente non ofreceu solución ao problema actual co servizo de Pediatría. Os responsables sanitarios sinalaron que só haberá un día de atención pediátrica en Forcarei, os mércores pola tarde, que atenderá os menores de Cerdedo-Cotobade e Forcarei. Os representantes veciñais esixen un servizo de Pediatría digno para a comarca. 

Pola súa banda, tamén indican que o SERGAS non atende á petición de establecemento dunha ambulancia con soporte vital básico para o Punto de Atención Continuada (PAC) de Cerdedo. Alertan de que se realizan ao redor de mil traslados de persoas en ambulancia anuais nesta zona e, por este motivo, demandan unha ambulancia medicalizada propia.

José Flores indicoulles que trasladará a demanda á xerente do 061, Adriana Regueira, e convidounos a solicitar unha reunión coa responsable para tratar este tema. 

O xerente si confirmou que "en breve" haberá un profesional médico estable a diario no Centro de Saúde de Cerdedo, dado que vai a ter lugar un concurso de traslados e habería profesionais interesados no posto. Tamén se comprometeu a "tentar conseguir" que o servizo de Matrona teña un día de atención en Cerdedo.

Desde a plataforma esperan que se cumpran estas promesas e lembran que a veciñanza necesita que os seus dereitos queden garantidos.