Saltar ao contido principal

Levan auga das minas de San Fins e Touro para que sexa consumida na Cámara Mineira

 

Ecoloxistas en Acción manifesta a súa total repulsa ás falsidades difundidas pola Cámara Oficial Mineira de Galicia en relación ás verteduras de residuos mineiros.

Integrantes da organización ecoloxista convidaron os representantes do organismo a beber auga das botellas despois de que a Cámara mineira asegurase nun comunicado que é inocua para a saúde humana e o ecosistema. O persoal da Cámara rexeitou a invitación.  

Unha análise realizada en San Fins a finais de agosto evidenciaba que os niveis de cadmio, substancia tóxica e canceríxena, situábanse 78 veces por encima do nivel máximo que permite a lexislación. Os valores de cobre superaban 48 veces o tope legal. No caso de Touro, os valores que presentan os leitos próximos á mina son aínda máis elevados. 

Con esta acción, Ecoloxistas en Acción pretende poñer en evidencia o "papel nefasto" que xoga un organismo como a Cámara Oficial Mineira de Galicia, ao que a Xunta atribuíu competencias públicas como a xestión do Censo Catastral Mineiro, "a pesar de que centra os seus esforzos no lavado verde do sector mineiro, despregando, en palabras da organización ecoloxista, un negacionismo absoluto fronte a todos os seus impactos ambientais”. 

Ecoloxistas en Acción sinala nun comunicado que, nesta liña, o recente comunicado da Cámara Mineira acusaba á organización ecoloxista e ás confrarías de pescadores da ría de Noia de transmitir “información imprecisa, sen ningún valor científico e cun rumbo ideolóxico antiminería”.  Pola contra, tanto as confrarías como Ecoloxistas en Acción encargaron informes técnicos independentes sobre as minas de San Fins e Touro, nos que se evidencia que as propostas de tratamento e xestión de residuos posta sobre a mesa polas empresas mineiras son ineficaces. Así o evidenciaron os informes elaborados polo prestixioso hidrólogo Steven H. Emerman en relación aos dous proxectos mineiros. 

Ecoloxistas en Acción alerta, tanto no caso de San Fins como no de Touro, de que a posta en marcha das explotacións causaría un enorme impacto ambiental, afectando, respectivamente, ás rías de Muros-Noia e Arousa, das que dependen decenas de miles de postos de traballo directa ou indirectamente dependentes da pesca e marisqueo tradicionais.