ADEUS A RAFAEL PILLADO LISTA
UN REFERENTE ÉTICO NUN MUNDO POUCO ÉTICO
Xaquín Campo Freire, NARÓN, 20-02-2023
Pois claro que estamos coa alma dolorida. Finou
Rafael Pillado, o noso grandísimo referente ético, de
coherencia e con autenticidade.
Os Dereitos Humáns avanzaron contigo. E a Xustiza,
a grande, a de verdade, ficará moito máis presente para
todos. Por ela sufriches o martirio inmisericorde dos
"satisfeitos, dos soberbios e dos instalados no poder, no ter
e posuír”, e dos do abuso sistémico e sistemático contra
todos os empobrecidos do mundo.
Nunca ninguén poderá dicir de ti que fuches un dos
aproveitados e corruptos.
Soubeches mediar con forza e estado de ánimo na
loita obreira, sindical, veciñal, cultural, etc. ...
Vivías atento ás inxustizas. E alí te achantabas ti, e
facías causa común cos oprimidos deste mundo.
Inmensas grazas, amigo. Dixo o poeta Díaz Castro: "O
mundo enteiro sería ben máis pobre sen ti".
Temos un referente! E ademais tivemos a sorte de
que saíu de entre nós, do pobo humilde: grazas aos teus
pais e familia toda. Para eles a meirande consideración.
Recordas o slogan: "Pillado o noso Deputado"? Non
nos debes nada! Non soubemos daquela serche
recoñecedores de tanta loita. Fixémonos a un lado como
pobo común.
Para ti foi unha sorte. A túa política estivo no corazón
das crases humildes, na rúa, no taller, no mono azul, do
que nunca te desclasaches nin te deixaches corromper por
moito que o intentaron e che ofreceron. Nin as difamacións
e infamias fixeron pé contra ti. Brillaches polos teus feitos e
bonhomía. Non prenderon na cidade, nin na fábrica, nin na
prensa, nin nos infúndeos que se facían correr oralmente.
Eras demasiado Rafael para tantos “Guerrilleros de Cristo
Rei”, que vivían nas cloacas.
Exemplo de autenticidade, coherencia e honestidade.
E nunca odiaches. Fuches sempre inmensamente LIBRE.
Aguantabas ata o indecíbel sen claudicar das
reivindicacións. Aí, na causa dos pobres eras forte coma un
penedo: Non nos moverán!
A meirande aperta e gratitude. Como o Alén é moi
grande xa nos rencontraremos, Rafael. Preguntarei por ti.
Seguramente teremos de loitar aínda outro Convenio
Colectivo. E que xa non sexa coma o do 72 en Ferrol!
Ti entendes moito diso. Confiamos en ti. Sempre.
Xaquín Campo Freire.