Saltar ao contido principal

LAMENTÁMOLO PROFUNDAMENTE.



 LAMENTÁMOLO PROFUNDAMENTE.

As Asociacións Culturais Fuco Buxán e Memoria Histórica Democrática iniciamos, coa rolda de prensa celebrada o  5 de Outubro pasado, toda unha serie de actividades para conmemorar este 50º Aniversario do Dez de Marzo de 1972 e das mobilizacións de Setembro en Vigo. Actividades que desde os ámbitos da Cultura, da Memoria, do Sindicalismo, o Feminismo, os Movementos Sociais, terán lugar, ao longo do presente 2022, na maioría dos Concellos de Ferrolterra-Eume-Ortegal.

Unha conmemoración que non só ten por obxecto - que tamén - o recordo daqueles feitos e o recoñecemento aos seus protagonistas, senón que busca consolidalos para o presente e para o futuro como referente dos valores solidarios, como a capacidade de loita do mundo do traballo organizado, da sociedade civil organizada, en defensa permanente das condicións laborais, da liberdade e a democracia, dos servizos públicos, da saúde, o ensino, a cultura, a igualdade, de todo o que conleva unha vida máis digna e de maior calidade para toda a sociedade.

O pasado día 20, faciamos un chamamento, para este Dez de Marzo, a que os actos conmemorativos desa data fosen UNITARIOS.  

Avogabamos por UNHA SOA MANIFESTACIÓN que integrase a todos os Sindicatos de clase, a toda a cidadanía.

Hoxe lamentamos profundamente que isto non fose posible e síganse celebrando - 50 anos despois - dúas manifestacións e dúas ofrendas florais.

Lamentamos profundamente que a distinción proposta para este ano, polo Grupo de Goberno do Concello de Ferrol, para Amador e Daniel, que contaba co apoio tamén dos Grupos de Ferrol en Común e do Partido Popular, non saíse adiante na Xunta de Portavoces, e queden sen ela neste 50º Aniversario. 

Porque Amador Rey e Daniel Niebla, non eran, nin militantes comunistas nin membros do xurado de empresa, nin afiliados a CCOO, Amador e Daniel eran simplemente traballadores comprometidos coa causa obreira e coa urxencia de traer a democracia; eran persoas solidarias cos seus compañeiros e coa sociedade que querían cambiar, por iso estaban alí, ese día e a esa hora, correndo riscos con xenerosidade e con entereza e por iso foron asasinados. Calquera distinción a Amador e a Daniel, o é a toda a clase traballadora e a toda a cidadanía democrática.

Lamentamos profundamente que a proposta realizada por CCOO ao Parlamento de Galicia fose vetada polo Grupo Parlamentario do BNG, impedindo, neste 50º Aniversario, conmemorar os sucesos do 10 de Marzo en Ferrol e de Setembro en Vigo,  cunha Declaración Institucional da Cámara que é o máximo órgano democrático elexido pola cidadanía galega, gústenos ou non a súa composición.

Lamentamos profundamente que acordos similares que foron posibles en pasados recentes, tamén co BNG, como para facer do 10 de Marzo o Día da Clase Obreira Galega, non sexan posibles coa actual dirección, neste momento transcendental en que se cumpre medio século daqueles feitos e a necesidade de buscar vías de unidade entre a Clase Obreira é imprescindible.

Lamentámolo profundamente e animamos a todas e a todos, por encima das estratexias conxunturais a reflexionar sobre a certeza dos nosos posicionamentos e as razóns dos demais.

Viva a Clase Obreira Galega e Universal! Viva o Dez de marzo!  

Ferrol, 1º de marzo de 2022.