POLA UNIDADE SINDICAL NOS ACTOS CONMEMORATIVOS DO DEZ DE MARZO.
Aos Sindicatos da Clase Obreira Galega e a toda a cidadanía:
Cúmprese en datas inmediatas o 50º Aniversario do Dez de Marzo de 1972, daqueles feitos orixinados na loita, dos traballadores organizados, por unhas condicións laborais dignas e pola consecución para eles, e para toda a cidadanía dos dereitos e liberdades democráticas.
Desde as Asociacións Culturais Fuco Buxán e Memoria Histórica Democrática, iniciamos co título “Memoria e Dignidade” unha programación de Actos conmemorativos ao longo de todo o 2022. Actos que non pretenden quedarse nun exercicio de nostalxias pasadas, pola contra ademáis de lembrar aqueles feitos pretendemos traelos ao presente, tamén ao futuro, como símbolo da eficacia da organización obreira, da fraternidade do mundo do traballo para unidos todas e todos facer fronte a explotación, á contínua negación de dereitos, a defensa da saúde e condicións de vida e que permanentemente vemos comprometidas.
Por iso, este vindeiro Dez de Marzo, por todo o anteposto e como Homenaxe ao enorme sacrificio dos protagonistas de entón polo ben comun, demandamos de todas as Organizacións Sindicais a CELEBRACIÓN UNITARIA dos actos Institucionais e a CONVOCATORIA DUNHA ÚNICA MANIFESTACIÓN, que ben podería selo baixo o lema: “En defensa dos servizos públicos e do emprego en Ferrolterra”
A colaborar nesta UNIDADE o Dez de Marzo estamos a disposición de todas e de todos e convidamos a todas as Institucións e Entidades políticas, sociais, culturais, a toda a cidadanía en xeral a colaborar e difundir e participar desta unidade conmemorativa.
Ferrol, 20.02.2022.