Saltar ao contido principal

MESA REDONDA DEZ DE MARZO: PRESENTE E FUTURO



 

Mesa Redonda: DEZ DE MARZO: PRESENTE E FUTURO.
Álbum Fotográfico: https://drive.google.com/drive/folders/1x7ONLi3qvGVVBzJsdaOfz1FdA7g62js4?usp=sharing

Onte, no Auditorio Municipal, organizado polo Padroado da Cultura e o Concello de Narón tivo lugar unha mesa redonda: “10 DE MARZO: PRESENTE E FUTURO”. Acto celebrado coa colaboración das A.C. Fuco Buxán e Memoria Histórica Democrática, no extenso programa a desenrolar, durante o 2022, nas comarcas de Ferrolterra-Eume-Ortegal, co lema “Dez de Marzo, 50º Aniversario, Memoria e Dignidade”. Abríuse coa audición dun fragmento da peza sinfónica "Ferrol 1972" do profesor Juan Durán, estreada o pasado día 12, que foi moi ovacionada. Na mesa, presentada pola profesora Ánxela Loureiro, participaron o historiador e profesor José Gómez Alén, expresidente da Fundación 10 de Marzo e vicepresidente da Fundación Xaime Quesada Blanco; o profesor, escritor e expresidente da R.A.G. Xesús Alonso Montero; Sari Alabau Albors, mestra e exconcelleira de Narón e Ferrol e Rafael Pillado Lista, cofundador do PCG e as CCOO, protagonistas directos os dous últimos dos sucesos do 72.
Foron moi interesantes as instervencións e o coloquio, axudando a facer que o Dez de Marzo, Día da Clase Obreira Galega, non sexa só un referente daqueles feitos históricos de loita polos dereitos das traballadoras e traballadores e polos dereitos democráticos para toda a cidadanía, senon un referente de presente e de futuro, resaltando os valores de solidariedade de clase e a imprescindible necesiade da organización e unidade de acción no mundo do traballo e na sociedade  en xeral.
Faláronse moitas cousas interesantes, o protagonismo das mulleres, a axuda solidaria dalgúns cregos e de moitos traballadores, a labor fundamental dos avogados laboralistas, o papel da cultura compremetida, a solidariedade internacional…
Recolléronse firmas apoiando o traslado do Monumento do 10 de Marzo á praza contigua que deberá levar ese nome, sacándoo da localización marxinal no que se atopa e situándoo no propio lugar dos feitos.

Foi unha xornada memorable no marco destas conmemoracións.