Saltar ao contido principal

DEZ DE MARZO SEMPRE! MEMORIA E DIGNIDADE.


 Nota de Prensa:

As Asociacións Culturais Fuco Buxán e Memoria Histórica Democrática iniciamos onte a Conmemoración do 50º Aniversario do Dez de Marzo do 72, cun magnífico Concerto organizado polo Concello de Ferrol coa colaboración de ambas Asociacións, marco extraordinario para a estrea mundial da peza sinfónica “FERROL 1972” composta polo profesor Juan Durán, regalo impagable e xeneroso á nosa Cidade e a toda a Clase Obreira Galega. 

Con enorme satisfacción amosamos a nosa gratitude ao público asistente que encheu o Auditorio, viaxando tamén desde moitos lugares de dentro e fora de Galicia, ao persoal do mesmo que nos colmou de atencións, aos intérpretes – Hércules Brass Quinteto de Metais, ao pianista e percusionistas - que sumaron á causa con entusiasmo o seu alto nivel artístico e profesional, ao Departamento de Protocolo, a Concellería de Cultura, ás e os representantes públicos e ao Alcalde de Ferrol, que abríu co este Acto un ano dedicado en plenitude a lembrar aqueles feitos do 72 e traelos pedagoxicamente ao centro da vida actual e futura como símbolo de solidariedade de clase e de organización pola consecución dos dereitos sociais, sindicais e democráticos.

O emotivo discurso do noso compañeiro Rafael Pillado foi unha emocionante síntese e lección de todo elo e co exemplo dos e das protagonistas de entón – os de todas e todos coñecidos e o de tantas persoas anónimas que neles participaron – continuaremos traballando en facer realidade, sempre, eses valores.

Reiteróu, na súa intervención, a necesidade – que está sendo apoiada con numerosas firmas - de trasladar o Monumento, de Xoán Braxe, á ubicación exacta onde sucederon os feitos que simboliza, á Praza contigua, que deberá levar o nome de “Praza do Dez de Marzo”.

Moitas grazas a todas e todos e continuamos na labor. 

Ferrol, 13 de Febrero de 2022.

DEZ DE MARZO SEMPRE! MEMORIA E DIGNIDADE.