A receita de Feixoo para a Atención Primaria: médicos sen especialidade
A Xunta considera oportuno facer a contratación de persoal médico sen especialidade "polo menos durante as próximas semanas" para dar resposta á maior carga de traballo da Atención Primaria -xa habitualmente colapsada, segundo o seu propio persoal- debido ao incremento dos contaxios da Covid-19.Así o manifestou esta cuarta feira o seu presidente, Alberto Núñez Feixoo, que opina que estas fichaxes implicarían darlles carga de traballo como "técnicos de saúde" para axudar a aliviar a carga burocrática no servizo.
Por exemplo, fala de que unha das funcións destes profesionais sería "desbloquear" altas e baixas, pois hai "problema de falta de médicos".
Feixoo asegurou, durante unha visita a Carballo, que o seu Executivo leva advertindo "máis dun ano" que existe unha carencia de persoal facultativo no Sistema Nacional de Saúde.
"Necesitamos máis médicos porque cada vez que un se xubila, está de baixa ou en exercicio do seu dereito vacacional non podemos substituílo en moitos casos", lamentou, obviando as acusacións que se deron ao longo dos seus mandatos sobre os recortes na sanidade pública galega.