Saltar ao contido principal

ENTREVISTA CO COMITÉ DE EMPRESA DE NAVANTIA FERROL


 

ENTREVISTA CO COMITÉ DE EMPRESA DE NAVANTIA FERROL
Hoxe, continuando o percorrido por Alcaldías, Institucións, Entidades, Empresas … estivemos , con moitísima satisfacción no cerne e raíz dos acontecementos do Dez de Marzo do 72, na antiga BAZÁN.
O que fora histórico dirixente do PCG e sindicalista de CCOO Rafael Pillado, un dos que sofriron en maior grao a represión da ditadura, acompañado de Manuel Fernández Pita e Fernando Ocampo, representando as Asociacións Culturais Fuco Buxán e Memoria Histórica Democrática, se entrevistaron co COMITÉ DE EMPRESA DE NAVANTIA FERROL para facerlles partícipes do seu interese en conmemorar con toda solemnidade o 50º Aniversario daquel Dez de Marzo – Día da Clase Obreira Galega – e de reivindicar aquela data e aqueles feitos como patrimonio  da Clase Traballadora, non so como legado histórico de organización sindical e solidaria, do seu protagonismo na loita polas liberdades, contra o réxime franquista  e pola democracia, senon tamén como ferramenta insustituible no momento actual e lección para o futuro.

Presentámoslle o noso Manifesto, a nosa intención de resituar e colocar no lugar dos feitos e poñer en valor o Monumento ao 10 de Marzo, obra de Xoán Braxe, e contáronlles os seus proxectos de actividades ao longo de todo o 2022, nos eidos culturais, artísticos, sindicais, do feminismo, da política, da convivencia social convidándolles a participar deles e a divulgalos.   Ambas Asociacións agradecemos enormemente a súa acollida, a atención e o interese prestados e agardamos – logo do seu debate interno – a súa valiosísima colaboración como Comité, como Organizacións Sindicais e persoalmente como traballadores comprometidos.