Rede de Apoio Mutuo de Ferrolterra - Nos últimos días a depauperada situación socioeconómica de Ferrolterra acelera o afloramento de inxustizas extremas en referencia ao dereito á vivenda e ao aumento do empobrecemento da Clase Traballadora - Desafiuzamentos- Xuízos - Concentración
Compartimos o artigo publicado pola Rede de Apoio Mutuo de Ferrolterra nos que falan do aumento de casos de posibles desafiuzamentos sen alternativa habitacional. Concretamente, convocan unha concentración para o vindeiro luns 6 de febreiro, ás 13:00h diante dos Xulgados de Ferrol:
Nos próximos días
Os dous últimos casos que se achegaron a Stop Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrolterra, son familias numerosas con ganas de vivir, con esperanzas, con ganas de futuro. As crianzas ignoran a fráxil situación que lles ameaza, como se se trata-se dunha fera con ganas de matar sen piedade. De matar a esperanza; de matar unha puberdade alegre e ilusionada, con sonos e liberdade; de matar o futuro. Por que nun mundo rico, hai xente que non sabe se vai poder dar-lle un teito as súas pequenas crianzas mañá?
Hai vidas en xogo. Non está permitido xogar á rendibilidade partidaria cos recursos de todas e todos, cos recursos públicos que non son do partido de quenda que se apoltrona no poder, son do pobo e teñen que xestiona-los con xustiza e responsabilidade.
O desafiuzamento de mañá venres, 3 de febreiro que estaba previsto para as 10:30hs queda adiado até que se resolva o asunto dunha alternativa residencial. Hoxe mesmo estivemos no Servizo Común de Actos de Comunicación e Execución, para saber da situación e nos comunicaron que se ía adiar á espera de recibir comunicación do Concello ou da Xunta. De todos os xeitos o que está previsto no Convenio, son só 10 días, polo que como no sexan máis celosos, o tempo non vai chegar, para solucionar o asunto. Polo que mañá non imos convocar concentración. Aínda que imos estar presentes na comunicación.
Por outra banda, temos outro xuízo previsto para este luns 6 de febreiro, ás 13:30, no xulgado de instancia n°5. Un desafiuzamento por falta de pagamento do alugueiro, por mor de falta de recursos económicos, familia de sete membros, cinco menores, de 10, 8, 7, 6 e 2 anos de idade. Trata-se dunha parella nova de 29 e 30 anos, con circunstancias familiares e de vida e infancia, moi difíciles. Son traballadores en desemprego, totalmente integrados e arraigados no barrio, mais empobrecidos. Hoxe mesmo presentamos-lle o caso á Concelleira de Benestar, Saínza Ruíz, que se comprometeu a xestionar unha solución.
Concentración
Luns 6 de febreiro, ás 13:00hs (unha da tarde), diante dos Xulgados de Ferrol, concentración de denuncia e solidariedade, por unha vivenda digna. Convocada pola PAH de Ferrol e Comarca e Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrolterra.
Contra o abuso bancario !
Polo dereito a unha vivenda digna e adecuada!
Si se Pode !! Saúde e Vivenda Digna !!
Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra | Está Adherida ás PAHs (17.03.2013) e forma parte da Coordinación Galega de STOPs e PAHs.
Correo-e:
forosocialdeferrolterra@gmail.com
Blogue:
http://stop-desafiuzamentos-ferrolterra.blogspot.com.es/
Páxina no facebook:
https://www.facebook.com/StopDesafiuzamentosDeFerrolTerra
Local:
Avda. Castelao S/N.
Local de Arméria Soc. coop. Galega
Traseira do Mercado Municipal de Caranza
1406-Ferrol