Saltar ao contido principal

Ferrol - Cruña: "Unha nova xornada galeguista" das "Hirmandades da Fala" o sábado 11/02/2017 [100 anos despois]

Compartimos a invitación que nos fan chegar dende o Colectivo Literario "In Nave Civitas" para a celebración do centenario da visita das Irmandades da Fala a Ferrol:



O Colectivo Literario In Nave Civitas e a Fundaçom Artabria organizan a recreación da visita que a “Hirmandade de Amigos da Fala da Cruña” fixo a Ferrol hai cen anos, o 11 de febreiro do 1917. 

Amigos da Fala somos 
Y-o amor de Galicia sea, 
Xa que de todos é nai, 
Quen nos xunte e nos protexa… 

(Cantiga dos amigos da fala, de Manuel Lugrís) 

O 11/02/1917 a “Hirmandade de Amigos da Fala da Cruña” celebrou en Ferrol un acto galeguista. Dito acto foi anunciado polos ferroláns coma un «mitín do rexionalismo galego» no que ninguén ía atopar «humildá, nin queixas, nin vágoas, nin sospiros». Entre outros; foron a Ferrol, os irmáns Vilar Ponte, Manuel Lugrís, Francisco Tettamancy e Eladio Rodríguez González. 

Despois do mitin, celebrado no Salón de Amboaxe, os irmáns enxebres xantaron no "Ideal Room", sito na rúa Real, e a xornada continuou coa representación dun diálogo teatral cómico representado polos senlleiros actores Hermida e Charlón máis a lectura de poemas, segundo relata o boletín decenal A Nosa Terra do 16 de febreiro do ano 1917. 

O 11/02/2017, xusto cen anos despois, o Colectivo Literario In Nave Civitas e a Fundaçom Artabria queren conmemorar aquela xuntanza repetindo aquela xornada galeguista co seguinte programa:


  • Saída en tren das irmás e irmáns da “Cruña” ás 10:50 Horas.
  • Chegada a Ferrol ás 12:07 Horas.
  • Recepción na estación do ferrocarril polas irmás e irmáns enxebres de Ferrol.
  • Roteiro polo Ferrol das Irmandades da Fala co asesoramento do Catedrático Xosé M. Dobarro.
  • Reportaxe fotográfica no edificio “Ideal Room” (100 anos despois), lectura de textos das Irmandades.
  • Xantar popular (12,00 €), lectura de textos, recital poético musical e troula, no local social da Fundaçom Artabria, sito na Travesía Batallóns no barrio de Esteiro.
    [A reserva previa para o xantar pódese facer a través do ciber-correo correiodeartabria@gmail.com ou do teléfono 669 778 474 antes do 9 de febreiro].
  • Ás 18:30 horas, acompañamento e despedida ás irmás e aos irmáns da “Cruña” na estación do Ferrocarril. 
  • Saída en tren de Ferrol ás 19:15 horas (Chegada á Coruña ás 20:30 horas). 


Convidamos a todas e a todos os asistentes a virdes vestidas e vestidos coas vosas mellores galas da época, aló polo ano 1917. Convidamos ás irmás e aos irmáns ferroláns a acudiren á estación do ferrocarril para recibiren á comitiva enxebre da “Cruña” e acompañala polas rúas ferrolás nunha nova xornada galeguista cen anos despois. 

Rueiro da xornada: 

“Rueiro do roteiro” 

  • Estación de Ferrocarril Ferrol 
  • Avenida de Compostela 
  • Praza de España 
  • Rúa Galiano 
  • Rúa Lugo 
  • Rúa Real 
  • Praza de Amboaxe (Antigo salón de Amboaxe) 
  • Rúa Real Praza de Armas (Edificio Ideal Room) 

“Rueiro para xantar” 

  • Rúa da terra 
  • Rúa da igrexa 
  • Rúa Cantón de Molíns 
  • Praza das Angustias 
  • Rúa Carlos III 
  • Travesía Batallóns 


“Rueiro acompañamento á estación” 

  • Travesía Batallóns 
  • Rúa Carlos III 
  • Rúa Fernando VI 
  • Rúa San Ramón 
  • Rúa Naturalista López Seoane 
  • Avenida de Vigo 
  • Praza de España 
  • Avenida Compostela 
  • Estación Ferrocarril Ferrol