Saltar ao contido principal

Marchas da Dignidade - Autoconvocatoria para este xoves 12 de xaneiro, ás 7 no Ateneo Ferrolán: intentar conseguir unha nova mobilización unitaria en Ferrolterra, co obxectivo de participar na convocatoria internacional contra o CETA

Compartimos a convocatoria que fan dende as Marchas da Dignidade de Ferrolterra para o xoves 12 de xaneiro ás 19:00h no Ateneo Ferrolán dunha xuntanza para organizar unha mobilización a nivel local contra os tratados de comercio neoliberais dentro dunha convocatoria realizada a nivel internacional:




Estimad@s Compañeir@s,

O pasado 21 de Decembro, conseguimos en Ferrolterra facer unha mobilización unitaria contra a pobreza enerxética, con relativo suceso, pensamos que dado a data concreta, onde tiñan lugar os diferentes festivais de nadal nas escolas e ceas de empresa ou amizades..., mais conseguimos reunir-nos baixo unhas reivindicacións concretas 31 colectivos e organizacións que valoramos moi importante.

Desta volta pretendemos conseguir unha nova mobilización unitaria en Ferrolterra, mais o obxectivo é o de participar na convocatoria internacional contra o tratado de comercio e investimentos entre a UE e Canadá (CETA - Tratado Económico e Comercial entre a Unión Europea e Canadá) que está convocada para o sábado 21 de xaneiro. Tratado que está previsto que se debata no Parlamento Europeo a principios de febreiro, deste 2017, e que no caso de se aprobar, repetirían-se os debates nos diferentes parlamentos estatais, mesmo sería bon que se levara na Galiza aos diferentes concellos e ao Parlamento Galego, para crear un debate popular máis xeneralizado, mais iso depende dos partidos políticos e dos seus intereses.

O CETA é un tratado, no cal a modo de exemplo, de estar en vigor afectaría de cheo na nosa economía e ao noso poder de decisión. Todos lembramos o asunto da Mina de Corcoesto (Cabana de Bergantiños) [] onde a empresa Edgewater (que aínda non renunciou definitivamente), de capital canadense quería explotar unha mina de ouro destruíndo montes enteiros e enchendo as nosa augas e ríos de cianuro. Pois ao rexeitar o proxecto a compañía mineira podería esixir unha indenixzación multimillonaria e sen someterse aos tribunais ordinarios de xustiza.

O CETA, como o TTIP e o TISA, non son tratados beneficiosos para as clase traballadora e o resto das clases populares, tanto de Europa, como de USAmérica ou Canada, só benefician a grandes corporacións transnacionais que impoñen os seus criterios para que os estados lexislen no seu beneficio, a cambio de transsacións comerciais ou investimentos que na maioría dos casos son moi prexudiciais para os pobos e o medio ambiente.

Desde a Asemblea das Marchas da Dignidade de Ferrolterra, decidimos promover unha autoconvocatoria aberta a partidos, sindicatos, plataformas, asociacións, ... co obxectivo de realizar unha mobilización comarcal, contra este Tratado e contribuír en Ferrolterra á grande mobilización internacional que se vai producir en Europa e Canada, o vindeiro sábado 21 de xaneiro de 2017.

Acordamos facer unha autoconvocatoria:

Día: xoves 12 de xaneiro.
Hora: ás 7 da tarde.
Lugar: Ateneo Ferrolán (Rúa Madalena, 202-204).


Proposta:
Desde as Marchas propoñemos realizar unha Concentración con intervencións das organizacións participantes, o sábado 21, ás 12 do mediodía, no Cantón, fronte ao Palco da Música.

Enlaces de interese:

http://nonaminadecorcoesto.blogspot.com.es/

http://www.noalttip.org/movilizaciones-descentralizadas-contra-el-ceta-21-enero/

---

Marchas da Dignidade Ferrolterra

Contacto:

Correo-e: marchasdadignidadeferrolterra@gmail.com |
Teléfono: 635 229 857 |
Blogue de FerrolTerra: http://marchas-da-dignidade-ferrolterra.blogspot.com.es/ |
Blogue Galego:http://marchasdadignidade.blogspot.com/ |
Web Estatal:http://marchasdeladignidad.org/ |


Blogue do Plan Comarcal de Choque contra o Paro, polo Emprego e a Renda Básica:
http://asmarchaspoloemprego.blogspot.com.es/






PAN, TRABALLO E TEITO - Á RÚA, QUE XA É HORA!!!