Saltar ao contido principal

Asemblea Aberta de Coia - "Quérennos en soidade, téñennos en común", sobre a loita veciñal en Coia e solidariedade con Diego Lores

Por mediación do Foro Galego de Inmigración de Ferrolterra, a Asemblea Aberta de Coia e a Coordinadora Baladre organizan este luns 9 de xaneiro, ás 19:00h no Ateneo Ferrolán un acto sobre a loita veciñal contra a instalación do Alfageme na rotonda de Coia, e en solidariedade coas persoas represaliadas, concretamente de Diego Lores. Compartimos o texto da convocatoria, e convidámosvos a participar nela:





8 ao 14 de xaneiro
Semana solidaria coa loita na rotonda de Coia – Diego Absolución!

A Asemblea Aberta de Coia e Baladre (Coordinación de loitas contra o paro, o empobrecemento e a exclusión social) organizamos unha semana de palestras e proxeccións en solidariedade coa loita na rotonda de Coia que leva por título: “Quérennos en soidade, téñennos en común”.

A xira procura sumar apoios a Diego Lores, unha das persoas represaliadas pola loita contra a instalación do barco Bernardo Alfageme nunha rotonda deste barrio vigués. O 17 de xaneiro celebrarase o xuízo. 

Este ciclo de palestras, irán acompañadas da proxección da curta #MoitoPeixeRompeARede que repasa os meses de conflito.

Con estas actividades queremos poñerlle voz e corpo ás mobilizacións veciñais na defensa do ben común, da vida. Coñecer as resistencias das que visualizan a inxustiza existente tras a cidade capitalista. Coñecer as arelas daquelas que pulan por colocar a vida e os dereitos sociais de todas no centro. Reflexionar sobre a solidariedade e o apoio mutuo como ferramentas fronte a represión das que traballan pola xustiza social.

Para tratar estes temas contaremos con persoas que participaron en diferentes loitas para contarnos as súas experiencias e tecer redes na defensa do que é de todas.