Asociación Cultural Fuco Buxán

Marchas da Dignidade - Convocatoria de asemblea aberta sobre pobreza enerxética: luns 12 de decembro, 18h no Ateneo Ferrolán

As Marchas da Dignidade de Ferrolterra convocan a unha asemblea aberta para debater sobre a realización dunha mobilización contra a pobreza enerxética en Ferrol, e que sería unha máis das mobilizacións que se convocarán en todo o estado o vindeiro 21 de decembro.

A continuación, incluímos o texto da convocatoria que están a divulgar a xente das Marchas da Dignidade de Ferrolterra:






Estimad@s Compañeir@s,
O recibo da luz volveu a subir en Novembro 2016, co que acumula sete meses consecutivos de incrementos, o que representa unha suba media por fogar do 27,8%. En Outubro, era o Tribunal Supremo o que tombaba o chamado "bono social", e obrigaba a indemnizar as eléctricas por ter que pagar esa tarifa subvencionada que levaba dous anos en vigor. O tribunal recoñece o "dereito" das compañías eléctricas a cobrar unha indemnización polas cantidades que tivo que asumir, o que repercutirá na tarifa que temos que pagar todas. Mentres, Iberdrola, Endesa e Gas Natural-Fenosa rexistraron un beneficio conxunto nos seis primeiros meses de 2016 de perto de 2.900 millóns de euros... mentres, na Galiza son máis de 110.000 fogares afectados pola pobreza enerxética e no resto do estado supera os catro millóns de persoas afectadas...

desde a Asemblea das Marchas da Dignidade de Ferrolterra, decidimos promover unha convocatoria aberta a partidos, sindicatos, plataformas, asociacións, ... co obxectivo de realizar unha mobilización comarcal, esixindo medidas contra a pobreza enerxética, na súa prevención e eliminación, mais tamén na denuncia aos oligopolios eléctricos que impoñen prezos, baleirando as economías domésticas e as arcas públicas, para os seus beneficios privados. Desde principios deste mes veñen-se realizando mobilizacións en toda Europa, para denunciar esta situación, onde moitos fogares padecen a pobreza enerxética. Na Galiza, o pasado ano houbo moitas iniciativas que reclamaban unha solución á pobreza enerxética, mocións nos concellos e mesmo unha ILP no Parlamento Galego promovida por unha central sindical, apoiada polas grandes cidades e ducias de concellos. Iniciativas parecidas no Congreso en Madrid, ou mesmo en Europa. A nivel de estado hai unha interesante iniciativa promovida por organizacións da sociedade civil de onde recopilamos, a nivel orientativo, os seis puntos básicos que presentamos. Hai uns días, mesmo o Concello de Ferrol aprobaba parte dunha moción esixindo medias concretas contra a pobreza enerxética. Mais o estado neoliberal avanza na súa consolidación e o que tiña que ser o recoñecemento do dereito de acceso universal a a enerxía e aos subministros básicos, igual que o dereito á vivenda digna e adecuada, o dereito á alimentación, aos coidados, á educación e á saúde, a un traballo ou a unha renda básica, para que cada persoa poida gozar dunhas condicións de vida dignas. O estado neoliberal, converte o dereito á enerxía, como servizo público esencial; a ser un negocio privado con beneficios garantidos, controlado por cinco corporacións eléctricas que conforman un oligopolio... O estado neoliberal, fai do dereito beneficencia; e das medidas que tiñan que ser estruturais, con solucións inmediatas e prevención, medidas paliativas perpetuadoras da pobreza e a dependencia, de por vida, dos servizos sociais de ducias de miles de fogares.


Reclamamos:

1. Prohibición legal de todos os cortes de luz a familias con problemas económicos. As eléctricas deberán dirixirse á administración para comprobar a situación das familias que non abonen os seus recibos. Si sofren vulnerabilidade económica, non poderán cortarlles o fornezo e o custo será asumido polas compañías.

2. Fin aos abusos tarifarios. Aprobación dunha tarifa accesíbel, regulada polo Goberno, á que poderán acollerse todos os consumidores domésticos na súa primeira residencia.

3. Creación dunha auténtica tarifa social. Substitución do actual bono social por unha tarifa de reducida contía dirixida ás familias con baixos niveis de renda, sufragada polas eléctricas.

4. Recoñecemento e devolución por parte das grandes eléctricas dos 3.500 millóns de euros que cobraron indebidamente en conceptos de Custos de Transición á Competencia (CTCs).

5. Auditoría ao sistema eléctrico. Realización dunha análise dos custos do sistema desde que se puxo en marcha a liberalización do sector, co obxectivo de determinar o prezo real das tarifas eléctricas.

6. Aplicación do tipo de IVA superreducido á electricidade, pasando do 21% actual ao 4% por ser considerado un servizo esencial para a cidadanía.



Se queredes participar e propoñer, vemo-nos:

Día: Luns 12 de Decembro de 2016.
Hora: 6 da tarde.
Lugar: Ateneo Ferrolán (Rúa Madalena, 202-204)



--------


Engadido á Convocatoria Aberta: Para abordar a proposta de realizar unha mobilización comarcal esixindo medidas contra a pobreza enerxética e denuncia aos oligopolios eléctricos - Luns 12 de Decembro, as 6 da tarde, no Ateneo Ferrolán.

Desde as Marchas propoñemos realizar unha MANIFESTACIÓN en Ferrol.

Que tería lugar o mércores 21 de Decembro, con saída ás 7 da tarde da Praza Amada Garcia (diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia), pasando pola rúa Real, Terra, Igrexa, Praza do Callao, Rochel e rematar na mesma praza desde onde saímos.

Rematariamos coa lectura dun manifesto unitario e con intervencións moi breves das entidades convocadoras que quixeran face-lo.

Pensamos que o día 21 van ter lugar mobilizacións noutras partes de Galiza, como Vigo e Ourense.

Para adiantar e que dea tempo, no caso de aceptar-se, por asunto de prazos, imos comunicar a mobilización á Subdelegación do goberno.


--------


Marchas da Dignidade Ferrolterra

Contacto:

Correo-e: marchasdadignidadeferrolterra@gmail.com |
Teléfono: 602 587 531 |
Blogue de FerrolTerra: http://marchas-da-dignidade-ferrolterra.blogspot.com.es/ |
Blogue Galego:http://marchasdadignidade.blogspot.com/ |
Web Estatal:http://marchasdeladignidad.org/ |


Blogue do Plan Comarcal de Choque contra o Paro, polo Emprego e a Renda Básica:
http://asmarchaspoloemprego.blogspot.com.es/




PAN, TRABALLO E TEITO - Á RÚA, QUE XA É HORA!!!

A+ | a-

Séguenos no Twitter