Saltar ao contido principal

ANPAs e Sindicato de Estudiantes convocan manifestación contra a LOMCE: xoves 24 de novembro ás 12:00h

Compartimos con vos a mensaxe da convocatoria que están a facer dende a Federación Comarcal de ANPAs e o Sindicato de Estudantes dunha manifestación contra a LOMCE e as reválidas, e que sairá o xoves 24 de novembro, ás 12:00h da Praza de Amada García -fronte o edificio administrativo da Xunta, zona Praza de España-. O mesmo día, tamén terá lugar unha concentración, no mesmo lugar, ás 19:00h.

Dende Fuco Buxán, solidarizámonos con estas mobilización e convidámosvos a participar nela.







Estimados compañeiros/as:


Desde a Federación comarcal de ANPAS e o Sindicato de Estudantes poñémonos en contacto con vós para facervos partícipes da situación do ensino público e facervos unha petición de solidariedade.

Como sabedes, a comunidade educativa levamos cinco anos loitando contra os graves ataques do goberno do PP contra a educación pública, simbolizados na LOMCE e no 3+2 universitario. Eses ataques buscan degradar unha das conquistas históricas máis importantes do movemento obreiro: un ensino público de calidade e gratuíto, fundamental para que os fillos e as fillas dos traballadores podamos optar a un futuro mellor.

A todo isto se lle sumou, o pasado xullo, un decreto para implantar reválidas. Este novo ataque, aprobado con “estivalidade e alevosía”, como facía o franquismo, provocou unha gran folga estudantil o pasado 26 de outubro, que encheu as rúas de 8 localidades galegas e máis de 100 localidades de todo o Estado español.

Desde ese día, as manobras sucédense. Ao día seguinte, Rajoy anunciou, dende a tribuna do Congreso dos Deputados durante a sesión da súa investidura, que as reválidas non terían efecto académico este curso. Foi unha manipulación e un insulto á intelixencia, posto que o propio decreto de xullo xa o recolle así.

A isto seguíronlle anuncios do ministro de Educación que buscan descaradamente desmobilizar: que se as reválidas poderían non ter nunca efectos académicos, que se a de 2º de Bacharelato non terá que facela quen non vaia ir á universidade, que se se aprobará cun 4...

O último exemplo estámolo vendo en vivo e en directo hoxe, cunha intensa campaña mediática que pretende transmitir á opinión pública que a LOMCE está liquidada. Non é así. O que aprobou o Congreso dos Deputados onte foi unha SUSPENSIÓN da aplicación da LOMCE. Para nós isto é insuficiente porque o que reivindicamos as ANPAS e o Sindicato de Estudantes é a súa total DERROGACIÓN, ademais da anulación das reválidas franquistas.

Para conseguir este obxectivo, o vindeiro xoves 24 de novembro temos convocada unha nova folga, tanto estudantil en Secundaria como de pais e nais en todos os niveis do ensino. Ese día manifestarémonos en Ferrol ás 12 do mediodía. Neste sentido, queremos pedirvos a participación dos traballadores de Navantia nesta manifestación. Sería moi importante porque lle daría máis relevo ao rexeitamento social a todas as medidas reaccionarias tomadas polo PP no terreo educativo.

Calquera persoa que viva en Ferrolterra está afeita a que ás veces os traballadores de Navantia nos pidades solidariedade ao resto da sociedade. Hoxe, é a comunidade educativa da comarca a que vos pide axuda aos traballadores de Navantia porque consideramos que o ensino público gratuíto e de calidade é unha conquista social e que todos debemos defendelo. En espera da vosa resposta, sobre a cal non temos ningunha dúbida, recibide un saúdo.


Ferrol, a 16 de novembro de 2016.



FEDERACIÓN DE ANPAS DE FERROLTERRA

SINDICATO DE ESTUDANTES


Máis información:

www.anpasgalegas.org
fanpaferrolterra@gmail.com
http://sindicatodeestudiantes.net/