Gelines naceu en Ferrol Vello en 1938, no seo dunha familia traballadora e de esquerdas. Entrou a traballar na PYSBE con tan so 14 anos, e pronto liderou a loita por mellorar o salario e as duras condicións laborais na factoría. Detida e xulgada no TOP -Tribunal de Orde Pública-, padeceu o rigor dos cárceres da ditadura. Máis tarde coñecería a emigración, e a separación da súa familia.
Hoxe día continúa sendo partícipe desa cultura da solidariedade, estando presente en tódolos movementos sociais na procura dunha sociedade mellor.
É por isto que os seus compañeiros e compañeiras de Fuco Buxán convidámosvos a asistir a este acto que servirá como sinxelo recoñecemento a unha vida de compromiso.