Saltar ao contido principal

Campaña de alerta diante da inminente abordaxe da flotilla de Mulleres Rumbo a Gaza

Mulleres representantes de diversas organizacións que participan na campaña “Rompamos o bloqueo. Mulleres Rumbo a Gaza” compareceron este luns 3 de outubro en rolda de prensa para manifestar a súa solidariedade e pedir protección ao estado español e a UE para a flotilla de mulleres que partiron rumbo a Gaza o pasado mércores día 27 de setembro. Xunto a isto anunciaron que, diante da inminente abordaxe do barco, lánzase unha campaña de alerta para chamar á mobilización cando iso ocorra.

Na rolda de prensa participaron Marisela González, portavoz de BDS e Mulleres Rumbo a Gaza; Ana Miranda, portavoz do BNG en Europa e extripulante da flotilla 2015; María Ferreiro, secretaria das mulleres do SLG e Margarida Corral, secretaria das mulleres da CIG. Todas en calidade de representantes da campaña galega “Rompamos o bloqueo. Mulleres Rumbo a Gaza” coordinada por BDS Galiza en colaboración coa Coordinadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres, que conta ademais co apoio de diversos organizacións como Mar de Lumes, Pallasos en Rebeldía, Asociación Galega contra o Maltrato a Menores, Conas Ceives, Lésbicas Creando e MNG.

Segundo explicou Marisela González a campaña de alerta lánzase diante do anuncio deste domingo, do estado de Israel que “xa dixo oficialmente que o exército ten mandato de abordar o barco” cando se achegue á costa de Gaza.


Unha alerta que se activará nas redes sociais, a través das que se fará un chamamento á mobilización ás 19:00 horas no día en que sexa abordado o barco con concentracións xa confirmadas nas cidades de Ourense, Compostela, A Coruña, Vigo, Lugo, Pontevedra e Ferrol, ás que poderían sumarse outras nos vindeiros días.



Máis información: http://www.feminismo.info/webgalego/the-news/1-novas-coor-galiza/512-campana-de-alerta-diante-da-inminente-abordaxe-da-flotilla-de-mulleres-rumbo-a-gaza.html