Stop Desafiuzamentos Compostela, A Coruña e a Rede de Apoio Mutuo Ferrol Terra, acompañan a Patricia e as súas fillas no xuízo contra o “presunto” maltratador e violador das fillas menores
A Coruña, 5 de Setembro de 2016.
O vindeiros martes 6, mércores 7 e xoves 8 de Setembro, acompañaremos a esta familia de A Barcala á Audiencia Provincial.- Pedro Rañó Espasandín será xulgado por abusos sexuais continuados contra a súa filla biolóxica e as súas tres fillastras, todas menores, así como de malos tratos contra a súa parella.
- O xuízo terá lugar nos días 6, 7 e 8 de setembro na Audiencia Provincial da Coruña.
- Patricia enfróntase ademais a un posible desafiuzamento.
Pedro Rañó Espasandín, natural da parroquia de Alón (Santa Comba) e residente na Baña, está acusado de violación continuada sobre a súa filla e as súas tres fillastras durante nove anos e de maltrato continuado contra a súa parella, Patricia, nai das catro rapazas. Permanece en prisión preventiva desde novembro de 2014.
Desde Stop Desafiuzamentos Compostela, A Coruña e a Rede de Mutuo Apoio de Ferrol Terra pedímoslle á cidadanía que acompañe a Patricia e as súas fillas os días 6, 7 e 8 de setembro (de martes a xoves) durante o xuízo que se celebrará na Audiencia Provincial da Coruña (r/ Capitán Juan Varela).
![]() |
Imaxe: Ártabra 21 - http://bit.ly/2ctah6L |
Ademais da terrible experiencia desta muller e das súas fillas, pesa sobre a súa cabeza un procedemento de execución hipotecaria, por parte de Bankia, por unha vivenda da que o cotitular non é outro que o presunto violador das súas fillas, Rañó Espasandín.
Patricia conta cuns ingresos de 426€ ao mes e a entidade bancaria iniciou o proceso pese a saber que el estaba en prisión preventiva desde 2014. Sen a súa sinatura, Patricia non pode actuar sobre a súa hipoteca, nin acollerse ao código de boas prácticas nin solicitar unha dación en pago, os procedementos aos que recorren as persoas na súa situación. Se as circunstancias non mudan, o proceso levaraas a quedar sen vivenda e cunha débeda de por vida.
Os responsables de Bankia aseguran que, literalmente, “non se pode facer nada”.
Desde Stop Desafiuzamentos denunciamos a violencia que rodeou a esta muller e as súas fillas máis alá do seu domicilio: violencia dos seus veciños por mirar cara a outro lado, violencia institucional na ineficacia dos mecanismos de protección de mulleres vítimas do terrorismo machista, violencia dunha entidade bancaria que demostrou que carece absolutamente de empatía e despreza sistematicamente a súa clientela.
Pedímoslle á sociedade civil, a esa parte que non quere ser partícipe ni cómplice, que se mobilice, que se sume, que faga oír a súa voz e que nos acompañe durante os días do xuízo para que elas saiban que non están soas.
Xuizo contra o "presunto" maltratador e violador das fillas dunha familia de A Barcala
Martes, mercores e venres
do 6 ó 8 de Setembro
Xulgados da Coruña
(na praza da Audiencia Provincial)
08.45h
Moitas grazas pola vosa atención
¡NIN CASAS SEN XENTE, NIN XENTE SEN CASA!
Grupo de stopdesahucios de A Coruña
Máis información:
Twitter: @desahuciocoruna
Blog: stopdesahuciosacoruna.blogspot.com