Saltar ao contido principal

Sábado 9 de xullo, en Outeiro de Rei, 3º Convívio da Cultura Galega

Dende a Casa-Museo Manuel María recibimos esta invitación para asistir ao 3º Convívio da Cultura Galega, que terá lugar o vindeiro sábado 9 de xullo na Carballeira de Santa Isabel, en Outeiro de Rei:

Prezadas amigas,
Prezados amigos,

A xa terceira edición do Convivio da Cultura Galega chega nun ano cheo de significado: a dedicación das Letras Galegas de 2016 a Manuel María, o poeta de Outeiro de Rei e da Terra Chá. O lugar escollido, a Carballeira de Santa Isabel, a moi poucos metros da casa onde naceu, é un dos espazos que o escritor máis amou e cos que máis se identificou. Será o sábado 9 de xullo a partir das 11 da mañá.

O Convivio da Cultura Galega é, como saberedes, unha iniciativa impulsada desde a Casa-Museo Manuel María, a federación Galiza Cultura de asociacións culturais galegas e a Asociación Musical e Cultural Solfa de Compostela.



Naceu, unha vez inaugurada hai case 3 anos a Casa-Museo Manuel María, como unha xornada festiva e de encontro aberta a todo o tecido cultural galego de base que quixer participar dela. Acompañada sempre, como non, de música, de xantar compartido nun lugar marabilloso onde as augas do Ladra se xuntan coas do Miño...

Gustaríanos contar coa vosa participación nesta xornada como asociacións ou persoas que traballades arreo no ámbito da cultura galega de base. Dentro da propia programación, que vos achegamos no arquivo que vai anexo, veredes que despois do xantar haberá un tempo para o encontro entre todos os colectivos culturais e persoas que a título individual queiran participar: trátase de coñecernos, de coñecer e compartir propostas ou experiencias que se estean a desenvolver en diferentes zonas do país...e tamén de intentar artellar, se fose posíbel, iniciativas comúns.

Para calquera consulta, proposta ou suxestión non dubidedes en contactar connosco a través deste correo ou do enderezo-e  contacto@casamuseomanuelmaria.gal. Tamén no teléfono 698 177 621.

Achegamos a ligazón ao evento creado no Facebook: agradecemos moito que nos axudedes a darlle difusión ao evento na medida das vosas posibilidades: https://www.facebook.com/events/1034759106620170/

Agardándomos poder contar coa vosa participación, recibide unha moi cordial aperta

Casa-Museo Manuel María