Asociación Cultural Fuco Buxán

A Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (Agamme) celebra a IV Xornada sobre o maltrato á infancia e á adolescencia, o venres 15 de Abril no Ateneo Ferrolán



AGAMME celebra a IV Xornada sobre o maltrato á infancia e á adolescencia

A Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME) organiza as súas IV Xornadas sobre o maltrato á infancia e á adolescencia nas que se darán cita unha serie de relatores e relatoras especializadas no novo marco normativo en relación á infancia, cunha análise do seu impacto sobre os dereitos das vítimas menores de idade. O acto terá lugar o venres 15 de abril ás 17:00 horas no Ateneo Ferrolán (R/ Magdalena, 202-204).

A xornada de AGAMME, organizada en colaboración co Ateneo Ferrolán e o Concello de Ferrol, dará comezo ás cinco da tarde cunha presentación por parte dun membro da asociación do marco xeral no cal se encadran os relatorios. A primeira intervención terá lugar ás 17:15 co relatorio de Sonia Vaccaro, psicóloga experta en vitimoloxía e avaliación do testemuño infantil e autora de influentes libros como El pretendido síndrome de alienación parental e artigos como o recente Violencia vicaria: "Los hijos y las hijas víctimas de la violencia contra sus madres".

Ás 18:15 tocaralle a quenda a José Antonio Ramos Vázquez, profesor de dereito penal da Universidade da Coruña, investigador das modificacións do Código Penal en materia de violencia sexual contra os menores de idade.

Logo dunha pausa de 15 minutos terá lugar a terceira e última das intervencións, a partir das 19:30, a cargo de Felisa Balboa, psicóloga clínica que nos falará da súa experiencia como traballadora do Centro Municipal de Información dos Dereitos da Muller do Concello de Vigo.

Desde AGAMME agradecemos a difusión desta información. Adxuntamos tamén o cartel das Xornadas con toda a información e horarios. Para máis información no enderezo agammeferrol@gmail.com.
--
http://www.agamme.org/

https://www.facebook.com/Agamme.org

Enviado por:
Agamme
-agammeferrol@gmail.com-
6 de abril de 2016 15:43

Fonte:  http://artabra21.blogspot.com.es/2016/04/a-asociacion-galega-contra-o-maltrato.html
A+ | a-

Séguenos no Twitter