Saltar ao contido principal

Actos 10 de Marzo [Día da Clase Obreira Galega]


  A nosa asociación estará presente nos vindeiros actos institucionais de homenaxe ás vítimas do 72 Daniel Niebla e Amador Rey e anima a toda a cidadanía a acudir aos actos convocados. Así mesmo, a nosa asociación estivo a traballar para que se lograse unha moción no concello que concedese unha rúa ao histórico Julio Aneiros, algo que xa é unha realidade, unha realidade necesaria para poñer en valor a figura de Julio Aneiros. Agradecer ao grupo de goberno do concello de Ferrol, todo o seu esforzo para que esta iniciativa saíse adiante.

Ofrenda floral será ás 11:00 horas, como sempre no monumento conmemorativo do “10 de Marzo” sito no barrio de Recimil. Inauguración da rúa Julio Aneiros no Polígono do Bertón ás 12:00 horas.
 ===================
 A CIG convoca mobilizacións o 10 de marzo baixo o lema “Reformas Laborais e Lei Mordaza, anulación xa!”

Seixo cualifica o goberno do PP de “incompetente e considera “insultante” que intente agochar a realidade laboral e social existente en Galiza.
Con motivo do Día da Clase Obreira Galega, a CIG convoca asembleas e mobilizacións nas 7 cidades e en varias vilas galegas baixo o lema “Reformas Laborais e Lei Mordaza, anulación xa!”. A central sindical denuncia que o obxectivo destas contrarreformas era, e así se evidenciou, precarizar as condicións laborais para favorecer o incremento de beneficios para as empresas e dotarse da lexislación necesaria para reprimir a contestación social a esas medidas antiobreiras e antisociais. Por iso, e atendendo aos resultados das eleccións do 20-D, neste 10 de Marzo, a CIG exixe a súa inmediata derrogación. 
O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, explica que coa reforma laboral “o que se fixo foi facilitar o despedimento, provocar unha caída xeneralizada de salarios, incrementar a contratación temporal e a contratación a tempo parcial -que leva aparellada unha escandalosa nivel de fraude- para incrementar o máximo posíbel os beneficios das empresas”. Unha reforma que ademais “xerou un importante debilitamento do movemento obreiro e un reforzamento das posturas da patronal e do capital”.
Denuncia que isto viu acompañado dunha política represiva a través da lei mordaza, que realmente é un instrumento máis da administración, neste caso do PP, “para reprimir calquera tipo de movemento e contestación social ás políticas antiobreiras e antisociais do PP”.

Entende que agora, tras dunhas eleccións xerais nas que ningunha forza política sacou maioría absoluta, “ábrese unha porta que pode facilitar a derrogación” desta lexislación laboral e do recorte de dereitos e liberdades públicas que, a xuízo do secretario xeral, “están, en grande parte, na base do que foi o deterioro das condicións laborais e da política represiva do PP”.

Pobreza laboral
Seixo explica que, xunto con estas reivindicación, a CIG avaliará, nas asembleas e na campaña que arredor do 10 de Marzo se está a desenvolver en toda Galiza, a situación sociolaboral e económica que sofre o noso país e que define como “altamente preocupante”.
Neste sentido, salienta que o desemprego afecta a preto de 250.000 persoas; que o tramo de asalariados que medrou nos últimos anos foi o daqueles que teñen uns ingresos do 50% do SMI e que non chegan aos 2.000 € ao ano e que “non poden ter a consideración de traballadores/as en activo”. Moi á contra, entende que se lles debería dar a consideración de desempregados/as.

De ser así, afirma “estariamos falando de cifras aínda máis  de desemprego”, máis se se lle engade a iso a emigración tan relevante de mozos/as, que se evidencia na perda de poboación activa xustamente entre os de menos de 34 anos, tramos no que se perderon máis de 120.000 persoas.

A CIG manifesta ademais a súa enorme preocupación polo incremento das desigualdades sociais e o deterioro xeralizado da nosa economía. Unha situación que, no seu conxunto “dá nun incremento significativo, do punto de vista económico, do carácter periférico do noso país”.

Neste sentido, Seixo denuncia que o PP en Galiza “non ofrece saída ningunha”, que se limitan a ser “meros espectadores e a intentar enganar á opinión pública tratando de facernos ver que estamos en mellores condicións que antes do inicio da crise para afrontar unha situación de despegue económico do nosos país”.

Considera “insultante”, que traten de ocultar a realidade e cualifica tanto a Feijoo como ao goberno que preside de “incompetentes” á hora de ofrecer saídas a esta. Por iso, conclúe “neste 10 de marzo, unha vez máis, teremos que pór enriba da mesa a necesidade de conquistar cotas de soberanía real non xa por unha cuestión puramente democrática, para poder gobernarnos por nós mesmos”, senón tamén para que o Parlamento galego teña realmente plenas competencias para poder desenvolver o noso país en todos os ámbitos: laboral, económico, social, cultural e demais”.
Asembleas e concentracións
- Ferrol
10:00 h. Asemblea Delegados/as
12:00 h. Ofrenda Floral
20:00 h. Manifestación con saída de Eduardo Pondal, a carón do local sindical
- A Coruña:
10:00 h. Asemblea de Delegadas/os no Salón de Actos Edificio Sindical
12:00 h. Concentración diante da Delegación do Goberno.
- Compostela: 
18:00 Asemblea de Delegados/as na Faculdade de Políticas
20:00 h. Manifestación con saída da Praza Roxa
- Lugo
 10:00h. Asemblea de Delegados/as no Salón de Actos da Casa Sindical
  12:00h. Concentración diante da Subdelegación do Goberno de Lugo (Praza de Armanyá)
 - Viveiro:
10:00h. Asemblea de Delegados/as no local da CIG de Viveiro
12:00h. Concentración diante dos Xulgados de Viveiro.
- Ourense
Asemblea de Delegadas/os no Salón de Actos da Casa Sindical 11:30 h. Concentración diante da Subdelegación do Goberno. 
- Pontevedra:
10:00 h Asemblea de Delegadas/os no Salón de Actos Edificio  Sindical
12:00 h Concentración diante da Delegación do Goberno
- Vigo: 20:00 h. Manifestación con saída desde a Doblada


==================
 
10 de Marzo de 2016 - Día da Clase Obreira Galega

Manifestación en Ferrol ás 19 h desde o monumento ao 10 de Marzo.

Datos da manifestación do 10 de Marzo
Datos da manifestación do 10 de MarzoReproducimos a seguir o manifesto para a convocatoria deste ano.

* * * * *

As persoas no centro das políticas

Para recuperar a negociación colectiva,
derrogación das reformas laborais


O Día da Clase Obreira Galega de 2016 conmemórase en circunstancias singulares, co cambio político en numerosas corporacións locais, unha reconfiguración do Parlamento do Estado e, en Galicia, a poucos meses de finalizar a segunda lexislatura de Alberto Núñez Feijóo. Resta moito camiño para que a crise sexa un mal recordo, como evidencian os datos económicos do pasado ano. As últimas reformas laborais só serviron para volver máis precarias as condicións de traballo no noso país. Daquela, para o Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, o balance do Goberno de Feijóo en materia de emprego admite a única cualificación de «nefasto» para os galegos e as galegas.

Desde a chegada do Partido Popular á Xunta perdéronse no noso país case 164.000 empregos, é dicir, catorce de cada cen dos existentes no remate do 2008. Nestes sete anos sumáronse ao desemprego 95.000 persoas, a taxa de paro subiu algo máis de oito puntos e o desemprego de longa duración medrou un 300 %. Dito doutro xeito, 69.000 persoas abandonaron o mercado laboral galego porque non atoparon na súa terra oportunidades de desenvolveren un proxecto de vida e de traballo.

O Goberno galego non fixo nada por mudar esta situación, máis ben todo o contrario: asumiu o ditado do Goberno estatal. Aplicando duros recortes nos orzamentos renunciou á súa capacidade de incidir na economía galega e nas condicións de vida da poboación. O resultado é evidente: Galicia vai no furgón de cola da recuperación da actividade e do emprego respecto doutras comunidades autónomas, malia posuír competencias plenas para facer outras políticas. Ademais, a ideoloxía neoliberal do partido que sustenta a Xunta é unha pesada lousa que lle impide promover outras políticas.

Por esta razón, co gallo do Día da Clase Obreira Galega facemos un chamamento público a que Galicia aproveite todas as capacidades da súa autonomía, un chamamento a prol de políticas que favorezan a maioría social deste país, a clase traballadora. O 10 de Marzo sairemos á rúa para esixir emprego; emprego na nosa terra, para frear a emigración que nos ensume; emprego en igualdade de condicións para mulleres e homes; emprego digno e con dereitos; emprego que impida situacións vergoñentas como a explotación ou a pobreza laboral.

Galicia só poderá mudar políticas, en primeiro lugar, coa loita da clase traballadora nos centros de traballo. Empresa a empresa, sector a sector, iremos asentando ese cambio; tamén nas rúas, loitando de par da cidadanía na esixencia de políticas para as persoas que favorezan a saída da crise nunhas condicións máis xustas e igualitarias.

Non esquecemos o empresariado, que aproveitou as reformas laborais para deteriorar o emprego, desvalorizar os salarios e esnaquizar a negociación colectiva. Sen convenios non hai nin emprego nin salarios dignos, nin recuperación da actividade e das condicións de vida anteriores á crise.

Pola recuperación da negociación colectiva articulada e do poder adquisitivo dos salarios: ningún traballador ou traballadora sen convenio!

Recuperación dos dereitos laborais arrebatados: derrogación das reformas laborais!

Recuperación da calidade democrática e da atención ás persoas: outras políticas sociais e democráticas!



VIVA A CLASE OBREIRA GALEGA!!
VIVA O DEZ DE MARZO!!
VIVAN AS COMISIÓNS OBREIRAS!!
DANIEL E AMADOR, NA MEMORIA!!

=================
UGT, CCOO e USTG conmemoran un ano máis o 10 de Marzo

Como todos os anos o 10 de marzo, , as organizacións sindicais e grupos políticos rendiran un homenaxe a Amador e Daniel, compañeiros asesinados o 10 de marzo no transcurso dunha mobilización obreira en defensa dos dereitos dos traballadores. 

A Ofrenda floral será as 11:00 horas, como sempre no monumento conmemorativo do “10 de Marzo” sito no barrio de Recimil.