8 DE MARZO DÍA INTERANCIONAL DAS MULLERES
CONSTRUÍNDO FEMINISMO, DESTRUÍNDO CAPITALISMO
Nós, as mulleres da Marcha Mundial das
Mulleres seguimos traballando na construción doutro mundo posible,
reafirmándonos na resistencia, o enfrontamento e a construción de
alternativas ao actual modelo patriarcal, capitalista, racista,
lesbofóbico e colonial, construíndo e actualizando o feminismo como un
proxecto que garante a igualdade entre todas as mulleres, nunha
sociedade de homes e mulleres libres e iguais, sen opresións étnicas,
relixiosas e con libre exercicio da nosa sexualidade.
No momento actual, no que asistimos a
unha forte reestruturación do capitalismo para manter a súa máxima de
explotación e opresión, reforzado pola privatización dos servizos,
espazos e bens públicos, incluíndo na lóxica dos mercados todo o que
podería ser comercializado, faise visible, unha vez máis, o sistema
hexemónico no que vivimos, baseado nun modelo de crecemento ilimitado
imposible, inxusto e insustentable. A explotación da natureza, os
ataques aos dereitos e á soberanía dos pobos, o control sobre o corpo e a
vida das mulleres, o aumento da militarización, a criminalización e a
violencia son mecanismos que sustentan a súa acumulación por
desposesión, baseada na expansión da mercantilización de todas as
dimensións da vida humana.
Adicamos os nosos esforzos a liberarnos
do patriarcado e o capitalismo, que son a raíz do sistema opresor no que
vivimos. A pobreza, a violencia, a inmigración forzada e o terrorismo
son expresións da violencia que sofren as mulleres, as crianzas e as
comunidades marxinalizadas como consecuencia das estratexias da
militarización, o extremismo e as medidas de austeridade que apuntalan o
sistema e a clase dirixente.
Neste sentido queremos condenar a
actitude da comunidade internacional, especialmente a Unión Europea,
pola falla de resposta á crise de refuxiadas e refuxiados. Unha resposta
baseada no militarismo e no peche de fronteiras ás persoas que escapan
de Siria, Libia, Irak, Kurdistan e outros territorios.
Unha vez mais somos testemuñas de que a
vida humana non vale nada. Vemos diariamente como a xente ten que fuxir
do seu pais tratando de escapar do fundamentalismo, o terrorismo e a
guerra (promovida por algúns estados como Estados Unidos e os seus
gobernos aliados, así como a industria do armamento)para despois atopar
unha fortaleza inexpugnable en Europa, deixando nunha situación de
especial vulnerabilidade as crianzas e as mulleres que a miúdo son
violentadas e privadas dos seus dereitos.
Continuamos o noso chamamento a
solidariedade e reafirmamos que as persoas refuxiadas son as nosas irmás
que tentar fuxir de situacións de extrema violencia provocadas por un
sistema inxusto.
Solidarizámonos coas mulleres
criminalizadas pola defensa da autonomía dos seus corpos e territorios,
especialmente coas mulleres kurdas e con todas as persoas en resistencia
en todas as partes do mundo.
A violencia patriarcal está presente na
vida cotiá de todas as mulleres, moitas veces naturalizada e lexitimada,
fortalecida coas desigualdades de clase e raza, revelando a falta de
recoñecemento das mulleres como suxeitos autónomos. Especialmente coa
explotación dos corpos das mulleres, controlados e regulados a partir de
patróns morais dunha sexualidade heteronormativa, lesbofóbica, fálica e
centrada no pracer masculino, na maternidade e nun canon de beleza
imposto.
Nós estamos pola destrución do
capitalismo e a construción dunha economía feminista e solidaria,
alterando os patróns de reprodución e produción, distribución e consumo,
ademais de recoñecer e valorar o traballo doméstico e de coidados como
algo fundamental para a sustentabilidade da vida humana. Para todo isto,
esiximos políticas emancipatorias construídas en base á soberanía
alimentaria e popular.
Afirmamos que a auto-organización das
mulleres é a nosa estratexia de fortalecemento como suxeitas políticas,
que construímos unha forza mundial, en alianza cos movementos sociais
que comparten a loita anti-capitalista e por unha sociedade baseada nos
valores da liberdade, a igualdade, a xustiza, a paz e a solidariedade.
Máis Info: http://www.feminismo.info/webgalego/
Máis Info: http://www.feminismo.info/webgalego/