Saltar ao contido principal

A Asociación Fuco Buxán ante o resultado do Referendo Grego.


A. C. Fuco Buxán saúda o resultado do referendo grego, onde un masivo 61,3% das e dos votantes dixeron non ás medidas neoliberais da Troika e que é, tamén, un si masivo a unha Europa solidaria e democrática. A. C. Fuco Buxán chama ás cidadás e cidadáns, aos partidos da esquerda, a seguir a ser solidarios. Lamenta a coincidencia de fondo entre as direccións do PP e do PSOE sobre a débeda grega. O Pobo Grego, o domingo 5 de xullo de 2015, dixo NON as medidas de austeridade, NON a máis recortes da Troika. Non á chantaxe. Un Non masivo do 61.3% fronte o 38.6% en tódalas rexións de Grecia.

A pesares da política do medo impulsada pola Troika, cortando a inxección de liquidez os bancos gregos por parte da BCE (claro exemplo de terrorismo financeiro), obrigando ao goberno a medidas de control de capitais e o chamado “corralito”, a pesares da campaña masiva mediática anunciando que votar “non” era dicir non ao euro, a Europa, etcétera, e que no caso que ganara o “non” se instalaría o caos, foron incapaces de dobregar a vontade e exemplar dignidade do Pobo Grego.

Un pobo farto das políticas de recortes imposta pola Troika ao longo dos últimos 5 anos e aplicadas polo bipartito grego (Nova Democracia e Pasok) similar o bipartito español (PPPSOE) que prostraron ao país: perda do 25% do PIB, unha débeda situada no 180% do PIB, o paro no 26% acadando entre a mocidade o 60%, recorte das pensións nun 40%, de tal xeito que hoxe Grecia é o pais europeo onde mais aumentou o risco de pobreza. En resumo: unha política fracasada, apoteoses do capitalismo salvaxe e un aviso a navegantes para aqueles que se deixan enganar por seus cantos de nereidas.

O compromiso contra as políticas de austeridade deulle o triunfo a Syriza hai pouco máis de 5 meses. Lembremos a participación na campaña electoral de entre outros de Rajoy (defendendo a Nova Democracia equivalente ao PP, que enganou coas contas públicas á Unión Europea), así como da Troika contra a elección de Syriza. Unha vez constituído o novo Goberno, Syriza puxo en marcha as medidas de emerxencia social, de redistribución da riqueza e crecemento económico e a Troika leva a cabo unha guerra mediática para descabalgala, ante o posible contaxio do éxito da propia Syriza ao resto de países do sur de Europa.

A política de acoso e derribo púxose en evidencia no proceso de negociación entre o Goberno grego e a Comisión Europea. A cada cesión para chegar a un acordo, se lle esixía unha nova concesión; na práctica esixíase unha claudicación, traizoando os compromisos electorais adquiridos co pobo grego. Diante a chantaxe, Alexis Tsipras convoca o referendo, lexítimo e necesario, que será respondido polo Pobo Grego sen ningún tipo de ambigüidade.

A Troika, Rajoy e todo a trama mediática ao seu servizo pretenden enganar os cidadáns e enfrontarnos co Pobo Grego, dicindo que este é un pobo folgazán, que non paga impostos, ou que se lle levan entregados centos de miles de millóns de euros e que teñen que devolvelos. 

O mesmo discurso que xa oímos aquí para xustificar os recortes en sanidade, ensino, salarios ou dicindo que nós tamén vivimos por encima das nosas posibilidades.

Dos centos de miles de millóns de euros, os gregos so viron un 10%. O outro 90% foron para o rescate dos bancos, principalmente alemáns. O mesmo que aquí, miles de millóns de euros adicados ao rescate da banca. Unha débeda que se nos imputa -de xeito fraudulentoa nós e aos compañeiros e compañeiras gregos.

Lamentamos a posición do dirección do PSOE, colocándose a prol da Troika e das súas políticas de saqueo, deslexitimando a decisión do Goberno Grego de convocar ao seu pobo a un referendo. Onde quedou a emenda de cambio, o “erro” da modificación con nocturnidade e aleivosía do artigo 135 da constitución, para priorizar o pago aos bancos? A convocatoria do referendo por parte do goberno grego, puxo en evidencia o bipartito PP-PSOE como instrumento da Troika, así como tamén ao “novo” partido Cidadáns. Podemos - IU – BNG – ERC - Anova, etc., posicionáronse a prol do referendo en contra da Troika.... Non debe esquecerse, no decisivo momento das próximas eleccións.

Por vez primeira, un Goberno europeo (Syriza) amosa a súa coherencia co seu compromiso electoral e consulta á cidadanía.

O pasado 5 de Xullo o pobo grego deu unha lección de coraxe, ao dicir OXI masivamente ás medidas de austeridade, á tentativa de derribo do seu goberno, a un poder antidemocrático que espolia aos cidadáns para favorecer a unha minoría, dixo NAI a unha Europa dos pobos. Un exemplo para tódolos pobos do sur de Europa.

Ábrese unha nova dinámica, a mobilización e a unidade dos pobos é fundamental para parar a agresión ao pobo grego, a derrota das políticas neoliberais a reconstrución da Europa dos pobos, non dos banqueiros, albíscase máis cerca. SYRIZA, neste intre, somos todos.

Mª Teresa Martínez Vilariño (Presidenta)
En nome da directiva da Asociación Cultural Fuco Buxán.