Saltar ao contido principal

Homenaxe a Amada García en San Felipe


A A.C. Fuco Buxán súmase é convida a participar nos actos organizados pola Asoc. Memoria Histórica Democrática Homenaxe a Amada García e as persoas represaliadas pola dictadura martes, 27 de xaneiro, ás 17:00 horas no Castelo de San Felipe. Este será o primeiro aniversario no que non estará presente o seu fillo Gabriel toimil, pero de seguro, estará na lembranza de tod@s.

Amada García era natural e veciña de Mugardos, estaba casada con Gabriel Toimil Dopico e tiña unha filla. Foi fusilada no Castelo de San Felipe o 27 de Xaneiro de 1938. Esta bastante estendida a idea de que foi fusilada por bordar unha bandeira do Partido Comunista de España, o que é falso. A realidade é que era unha muller politicamente moi activa e boa oradora, unha líder natural, polo que acadou as antipatías dos sectores máis conservadores da sociedade mugardesa.

Cando se produce o golpe de estado dos militares, as autoridades locais de Mugardos organizan a resistencia cos escasos medios que estaban á súa disposición. Neses días, Amada García estivo no concello dando ánimos e colaborando na medida das súas posibilidades, como moitos outros veciños.

Coa vitoria dos militares sublevados, estes deteñen e xulgan a un elevado número de veciño/as do concello (causas 42/37 e 379/37). Precisamente, unha das mulleres acusadas era Amada García Rodríguez.

Cando se dita a sentenza de morte contra Amada García, estaba embarazada, polo que retrasouse a execución a espera de que dera a luz ao seu fillo Gabriel Toimil García. O parto foi 0 31 de outubro de 1937 e tres meses despois foi fusilada xunto con Ángel Roldós Gelpi, un profesor do colexio público “O Pitieiro” e Juan José Teixeiro Leira, José María Montero Martínez, Antonio Eitor Caniça, de Mugardos; Ramón Rodriguez Lopez, Jaime Gonzalez Perez, de Ares; e Germán Lopez García, de Cabanas.