Saltar ao contido principal

Galicia ten que pagar infraestructuras Gasistas mais caras que o almacen submarino de Castor.



O Goberno do PP ven de aprobar por decreto (03-10-2104) unha indemnización de 1.350 millóns de euros, á empresa adxudicataria do proxecto Castor ”almacén submarino de Gas” participada por ACS de Florentino Pérez . Esta indemnización que pagaremos a cidadanía a través dos recibos do gas, ven a formar parte do chamado déficit enerxético.

O almacén estaba pechado desde setembro de 2013. O Goberno veuse na obriga de paralizar a inxección de gas tralas mobilizacións veciñais despois dos máis de 500 terremotos que se produciron.

O Síndic de Greuges de Catalunya (Valedor do Pobo), anunciou que promovería as accións oportunas para impedir que a cidadanía paguemos esa factura. Tamén se pronunciou nese sentido a Generalitat de Catalunya. IU anunciou que solicitará unha investigación á Comisión Europea.

Non hai quen asuma as responsabilidades políticas de quen permitiu semellante barbaridade e o seu mantemento durante anos. Ademáis, a execución da obra “triplicou” o orzamento inicial. Todo dá mostras da complicidade dos diferentes gobernos que ollaron para outro lado ou actuaron de complices desta situación.

Aquí, en Ferrolterra, temos o caso da planta de gas de Reganosa. Unha instalación innecesaria, ilegal (segundo sentencia do Supremo de Maio de 2012), e perigosa que ameaza a vida de miles de persoas . A cidadanía levamos pagado perto de 500 millóns de euros, e nos 25 anos de vida útil de esta planta a cifra superará os 1500 millóns de euros . Aquí nin o Valedor do Pobo, nin a Xunta adoptan medida algunha para rematar con este timo. É máis, a Xunta de Galicia como socia de Reganosa, avala o espolio ao que se somete á cidadanía, pois niso consiste o chamado Déficit enerxético ( avaliado actualmente en 28.000 millóns de euros).As empresas do ramo, coa complicidade dos gobernos veñen realizando a construcción de infraestructuras enerxéticas, lonxe de calquer tipo de planificación razoable que despois deben ser pagadas polos cidadáns. Segundo estudosos do tema, o volume de beneficio do oligopolio das 5 empresas enerxéticas nos últimos 10 anos, acada os 40.000 millóns de euros.

Ferrol a 09-10-2014