Saltar ao contido principal

Folga contra os recortes, os copagos e o intento de privatización da sanidade pública galega.





En defensa da sanidade pública: a crise como coartada para a privatización Espazo Ecosocialista apoia a folga contra os recortes, os copagos e o intento de privatización da sanidade pública galega que os diversos colectivos de traballadores e traballadoras dos servizo público de saúde galego van realizar os próximos 9 e 10 de decembro. Ademais Espazo chama a toda a poboación galega a apoiar estas mobilización do persoal sanitario acudindo de forma masiva as manifestacións convocadas o día 10 de decembro nas principais cidades e vilas galegas.

O goberno do PP está empeñado no desmatelamento da sanidade pública en España e a Xunta de Galicia é unha alumna avantaxada na aplicación de todas as medidas dirixidas a desmantelar os soportes do sistema sanitario (universalidade, accesibilidade e equidade). O RD 16/2012 de medidas dirixidas a garanter a sostenibilidade do Sistema Nacional de Saúde xustamente fai o contrario do que o seu nome anuncia. Entre outros aspectos, víncula o dereito á asistencia sanitaria co aseguramento a través da seguridade social, o cal é contrario a universalidade. Ademais incrementa o copago dos medicamentos para a poboación activa e obriga aos pensionistas a pagar unha parte dos medicamentos que consumen.

Espazo ecosocialista solicita que cesen os recortes que están a afectar aos presupostos destinado a políticas sanitarias do sistema nacional de saúde. Co argumento da crise, a Xunta de Galicia rediciu 1000 millóns de euros o presuposto sanitario entre os anos 2010 e 2013. Estes recortes alcanzan a todas as áreas do sistema, excepto á partida de concertos que é a única que se incrementa. Os efectos dos recortes están a ser moi importantes para a actividade e para a calidade da atención. Hai unha maior masificación nos centros e un repunte na lista de espera.

A Xunta de Galicia á vez que desmantela os servizos sanitarios públicos, reparte as parcelas máis atractivas económicamente entre grupos empresariais afíns, aseguradoras, multinacionais, fondos de investimento, bancos e construtoras. A aplicación do modelo de financiación público privado as novas infraestruturas, como é o caso do novo hospital de Vigo, incrementa de tal forma os constes finais dos proxectos que fai inviable a sostenibilidade do sistema sanitario en Galicia a medio prazo.

A Lei de Garantías Sanitarias aprobada polo PP a semana pasada establece uns prazos máximos de demora na atención que o Sergas, debido aos recortes no seu persoal e no seu presuposto, non poderá cumprir. Polo que a Xunta de Galicia ten a excusa perfecta para derivar masivamente os pacientes aos centros privados.

Outro dos proxectos da Consellería de Sanidade para o ano 2014 son as areas de xestión clínica, que, mediante unha disposición dunha lei aprobada en xullo de 2013, conlevan a posibilidade de introducir intereses empresariais no cerne dos hospitais galegos e a posibildade de que o persoal que traballe nelas perda a súa condición de estatutario.

OS RECORTES LABORAIS REPERCUTEN NA CALIDADE ASISTENCIAL

Espazo ecosocialista denuncia que a xubilación forzosa do persoal médico aos 65 anos, repoñendo unicamente a un 10% dos xubilados, supoñera unha pérdida neta nos próximos catro anos de 1700 facultativos (o 14% da actual plantilla). A falta de profesionais provoca que non se cubran as ausencias polo que é habitual o peche de consultas nos centros de saúde, ou incluso plantas de hospital enteiras en verán.

A precarización das condicións laborais dos traballadores sanitarios, coa anulación de todos os acordos acadados cos sindicatos sobre melloras laborais e das condicións de traballo: vólvese ao “contrato basura”, os salarios reducíronse nun 20%, suprímense días de descanso. Todas estas medidas repercuten no persoal da sanidade pública que co seu traballo e esforzo conseguiron que o noso sistema sanitario acadara uns excelentes resultados en saúde.

Espazo Ecosocialista considera fundamental que a cidadanía galega reaccione de xeito urxente para deter o desmantelamento e a privatización da sanidade pública. Neste senso, EE chama a articular unha grande alianza en defensa dunha sanidade pública de calidade, universal e accesible.


COORDINADORA NACIONAL
ESPAZO ECOSOCIALISTA GALEGO (membro de AGE)
Praza de Sofía, 3. Fontiñas. 15707 Santiago de Compostela
Teléfonos: 881 959 157 / 692 212 166
Correo electrónico: espazo@espazoecosocialista.org
Twitter:@ESPAZO_gal