O movemento cidadán Nunca Máis volveu este venres a encher as rúas e prazas de Galicia para clamar contra "a impunidade" da sentenza do Prestige na que non houbo ningún condenado por delito contra o medio ambiente.
Baixo lema 'Non esquecemos. Non á impunidade. Mareas negras Nunca Máis', milleiros de cidadáns e cidadás, representantes do tecido asociativo, do mundo da Cultura, militantes sindicais, do PSOE, do BNG, de AGE, mobilizáronse para mostrar a súa indignación e para exixir que se faga Xustiza polo desastre ambiental nas costas galegas.
Nin os responsables políticos: Aznar, Rajoy, Álvarez-Cascos, nin os imputados no proceso son declarados culpables tras un macroxuizo que levou once anos resolver. Tamén o Goberno queda eximido de sufragar os danos que se lle reclamaban.
Alguén dixo que “estamos ante un segundo naufraxio, o da xustiza".
A Plataforma NUNCA MÁIS ten que volver ás rúas. Non queda outro remedio que seguer loitando contra este despropósito de sentenza.. Non podemos asumir que quede impune encher a nosa costa de chapapote, este debe ser o único caso no mundo de tales características "sen culpables".
O único camiño é a mobilización social. Por cantos/as nos axudaron naqueles tráxicos días, por Galicia, por nos mesmos/as.... A dignidade de Galicia segue en pé.
NUNCA MÁIS !