Saltar ao contido principal

Alternativa Galega de Esquerda define a sentenza do ‘Prestige’ como a consecuencia dun “xuízo andrómena que remata en fracaso”.


O deputado Antón sánchez lembra que os verdadeiros responsábeis da catástrofe non foron xulgados e son hoxe presidente do Goberno ou director xeral da Garda Civil

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2013.- Para Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a sentenza do Prestige lida esta mañá na Coruña non é máis ca a consecuencia lóxica dun “xuízo andrómena que remata en fracaso”. Así o manifestou ante, nos corredores do Parlamento de Galicia ante os medios de comunicación, o deputado de AGE Antón Sánchez, para quen, ademais, os verdadeiros e últimos responsábeis da catástrofe non foron xulgados: “Un deles é presidente do Goberno e outro, director da Garda Civil”. Referíase a Mariano Rajoy, daquela ministro de Interior, e a Arsenio Fernández de Mesa, daquela delegado do Goberno español en Galiza. O proceso vén de se saldar cunha condena leve ao capitán Mangouras e absolución do Estado de calquera culpa.

En calquera caso, a absolución de todos os implicados ratifica outra das cuestións expresada por Sánchez: “A xustiza que chega once anos despois non é xustiza”. Tampouco se tomaron as medidas de protección das costas que expertos e cidadanía do común reclamaron, na rúa e nas institucións. “Non se fixo nada para que algo cambiase e un accidente así non volva suceder”, engadiu. Esta xustiza de baixa intensidade, que chega cunha década de atraso, só serve para lle lavar a cara aos poderosos e aos responsábeis dunha das maiores catástrofes ambientais da historia do país.


ALTERNATIVA GALEGA DE ESQUERDA

www.alternativagalega.com