Saltar ao contido principal

Semana de Loita contra as Fronteiras




O Foro Galego da Inmigración organiza xunto a colectivos sociais unha Semana de Loita contra as Fronteiras do 21 ao 25 de outubro.

Pasado un ano da entrada en vigor do Real Decreto 16/2012, que retira o dereito á asistencia sanitaria ás persoas inmigrantes en situación irregular, o Foro Galego da Inmigración quere denunciar a trama de fronteiras que a política de estranxeiría española impón ás persoas inmigrantes.

Entendemos as fronteiras de forma ampla, abarcando desde os pasos fronteirizos exteriores até toda unha profusión de prácticas institucionais e policiais que, moitas veces de forma menos perceptible, instauran barreiras entre as persoas que habitamos un territorio en función da procedencia, trazos étnicos ou outros signos identitarios.

Desde os colectivos organizadores, sostemos que o acceso diferencial ao sistema de dereitos, como é o caso do fundamental dereito á saúde, representa un elemento máis do armazón de fronteiras interiores arquitectado polo poder estatal, coa cumplicidad doutros niveis administrativos. O obxectivo non é outros que apuntalar a situación de subordinación e explotación das persoas inmigrantes e promover a división entre diferentes grupos sociais, empregando a competencia por recursos escasos e a creación dun inimigo interno como método de control e disciplinamiento social.

Con esta semana queremos denunciar as consecuencias da política migratoria española e europea, inserida no marco de desigualdade, e consecuente mobilidade forzada, xerado polo sistema capitalista.

E como exemplo paradigmático da engrenaxe de fronteiras institucionais examinaremos o efecto da aplicación do Decreto Sanitario, e do seu parche galego, o Programa Galego de Atención á Saúde Pública, no acceso á asistencia sanitaria das persoas migrantes.

Para iso, contaremos coa participación de Eduardo Romero, integrante do colectivo asturiano Cambalache, autor de diferentes textos sobre políticas migratorias e co-autor do libro "¿Qué hacemos con las fronteras?".

Entre as actividades que compoñen esta semana de loita, están as presentacións do libro en Vigo, Ourense e Coruña, coloquios en Compostela e Ferrol baixo o título "Fronteiras. Diferentes dispositivos, mesma función. Políticas migratorias e exclusión de dereitos", nos que participará Eduardo Romero e activistas polo dereito á saúde universal. A semana completarase cunha rolda de prensa e dous actos reivindicativos en Compostela.

Axuntamos cartel e pregamos difusión.


FORO GALEGO DE INMIGRACIÓN
Rúa San Roque 6-bis. C.P. 15704 - Santiago de Compostela
foroinmigracionsantiago@yahoo.es - 981-576 142