A Asociación Cultural Fuco Buxán e a súa Área de Ensino, súmanse a Semana de Loita en defensa dun Ensino Público, universal e de calidade, fronte aos recortes, os taxazos, e as reformas do Goberno do Partido Popular. Apoiamos a Folga Xeral e convidamos a toda a cidadanía a participar nas Manifestacións convocadas:
Mércores, 23 de Outubro. Manifestacións estudiantís. Ás 12 horas. Fronte ao Edificio da Xunta. Praza de España.
Xoves, 24 de Outubro. Manifestación de estudantes, profesores, pais e nais. Ás 11,30 horas. Partindo da Praza de España.
Todos/as ás Manifestacións !
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público chama a secundar a folga contra a LOMCE e as mobilizacións previstas para mañá 24 de outubro ás 11:30 horas
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Publico insistiu na importancia
de que estas mobilizacións sexan un éxito porque aínda que o PP aprobe a
lei, é un contrareforma que nace morta. A Plataforma valorou como un
éxito das mobilizacións realizadas até o de agora o feito de que as
forzas da oposición expresaran o seu compromiso de derrogala se se
produce unha alternativa no Goberno central.
Despois das máis de 900 asembleas realizadas nos centro de ensino
galegos, Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino, organización
sindical maioritaria entre o profesorado galego e integrante da
Plataforma Galega en Defensa de Ensino Público explicou que todo indica
que o profesorado vai secundar maioritariamente a folga e que as
mobilizacións van ser multitudinarias porque o conxunto do profesorado é
consciente de que esta lei anula a liberdade de cátedra e a importancia
da función docente. Louzao referiuse ao procedemento para aprobar a
LOMCE como un camiño inzado de autoritarismo. Tamén lembrou a actitude
do conselleiro de Educación que se negou a debater a LOMCE coa
comunidade educativa galega e se comportou como alumno avantaxado, en
materia de concertos, de modelo lingüístico -que agora copia a LOMCE- e
de recortes. Neste sentido lembrou que os orzamentos dedicados ao ensino
público reducíronse desde o ano 2009 nun 33%.
O presidente da Federación das ANPA de Compostela Fernando Lacaci
referiuse tamén ao traballo de mobilización e de información realizado
polas propios pais e nais que entenderon que esta lei é un
“despropósito”, que é “perniciosa e letal” e que deixará fóra da
“carreira” aos seu fillos e fillas. Lacaci tamén se referiu aos recortes
como un “torpedo á liña de flotación da educación” que responden a unha
“política de anulación dun dereito” porque para ter unha educación boa
hai é imprescindible dedicarlle recursos.
Monica Martínez dos Comités, falou en representación do estudantado e
subliñou que desde a unidade que representa a Plataforma Galega en
Defensa do Ensino Público “conseguiremos enterrar ese cadáver que é a
LOMCE. Non deixaremos de estar na rúa defendendo un ensino público,
galego e democrático”.
De feito a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público ten convocado
xa actos reivindicativos para o 13 de novembro e está a recoller
sinaturas para o Manifesto Cultura Galega contra a LOMCE.
Na rolda de prensa estiveron representantes de distintas organizacións
que integran a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público: Carmen
Romero da AS-PG, Anxo Louzao da CIG-Ensino, Mónica Martínez dos
Comités, a Liga Estudantil Galega, Fernanado Lacaci, da Federación das
ANPA de Compostela, Andrea Martins, de Galiza Nova e o deputado Cosme
Pombo do BNG. A Plataforma está integrada tamén pola Federación
Provincial das ANPA de Lugo (FAPACEL), a Federación das ANPA da Costa da
Morte, a Federación das ANPA de Ferrolterra (FEANPAS), o Movemento
Dezao en Defensa do Ensino Público e o Sindicato de Estudantes,.
Convocatorias a nivel estatal: