Saltar ao contido principal

Saneamento da Ría de Ferrol.




A Ría de Ferrol é un sumidoiro e un vertedoiro onde botamos de todo (residuos urbanos, verquidos incontrolados, refugallos industriais, ...). As organizacións ecoloxistas veñen demandando, dende que existen, unha recuperación integral da Ría e polo tanto un sistema de tratamento integral das augas pluviais e residuais que permita a recuperación das augas pluviais non contaminadas, para usos de utilidade pública ou para a súa chegada natural á Ría. Demandan un sistema de saneamento integral, pois a Ría non permite un verquido máis. A Ría esta declarada como 'zona sensíbel' que require un tratamento especial e o grado máis alto de depuración. Non é de recibo pois, que o Sistema de Saneamento previsto contemple verquidos contaminados de forma sistemática e non só como algo extraordinario, por forza maior.

É por iso polo que nos opoñemos a este Modelo de Saneamento e esiximos un Modelo de Saneamento diferente que permita a recuperación integral da Ría. Xa sabemos que os poderes do Estado están dispostos a sacrificar a Ría de Ferrol, nós imos facer todo o posíbel para que isto non sexa así.No Parque Pablo Iglesias queren impoñer a construción dun mal chamado "Tanque de Tormentas", sacrificando este parque público, podendo poñer dentro das instalacións militares que hai espazo máis que suficiente. Mais non só iso senón que o modelo de tanque tería que ser outro que realmente recuperará as augas pluviais, para usos públicos ou mesmo para deitala saneada á Ría o seu curso natural.

Mobilicemo-nos! Ferrol e a Comarca non merece este trato desde os poderes do Estado, coa complicidade das administracións locais e autonómicas.

HOXE, MARTES 17 DE SETEMBRO, ÁS 19:30HS, NO PARQUE PABLO IGLESIAS
(SITUADO ENTRE AVENIDA DE ESTEIRO, RECIMIL, AS PIAS E CARANZA).





--