A A.C. Fuco Buxán súmase á Folga Xeral comarcal convocada por todos os Sindicatos. Hai solucións! Polo Emprego Na Nosa Comarca.
Haberá participación activa dos traballadores/ras nos piquetes informativos.
Manifestación: Sairá ás 12:00 horas da praza de O Inferniño ata a Praza de Armas de Ferrol.
As organizacións sindicais CIG, CCOO, UGT e USTG de Ferrol veñen de anunciar a convocatoria de Folga Xeral Comarcal para o mércores 12 de xuño, ante a situación de “emerxencia total” que sufre Ferrolterra. Con motivo do paro xeral, que as centrais sindicais agardan sexa un éxito en contra das "nefastas políticas do goberno estatal e da Xunta", está convocada tamén unha manifestación que partirá ás 12:00 horas dende o Inferniño e rematará na Praza do Concello.
A convocatoria foi feita pública este luns en rolda de prensa polos responsábeis comarcais de cada unha das centrais sindicais, que avanzaron que o paro xeral se desenvolverá baixo o lema “Ferrol esixe solucións”. A este respecto, o co-voceiro da CIG-Ferrol, Xesús Anxo López Pintos, apuntou que dende hai dous meses as catro organizacións sindicais veñen mantendo contactos co obxectivo de artellar unha resposta conxunta ante a alarmante situación socio-económica que arrastra a comarca dende a mal chamada reconversión do naval, agudizada agora polo actual contexto de crise global.
“Ferrol presenta as peores cifras de desemprego, no último ano pasamos dunha taxa de paro do 16% até o 22%; a maioría das empresas da comarca están afectadas por expediente de regulación de emprego, entraron en concurso de acredores ou directamente botaron o peche; os nosos sectores pesqueiros e agro-gandeiros están en claro retroceso e desaparición; non hai investimento público nin desenvolvemento das infraestruturas; e aínda por riba o naval, sector estratéxico para a comarca, atópase na situación máis complicada da súa historia”, aseguraba López Pintos.
En canto á grave crise do naval, o co-responsábel comarcal da CIG, lembrou que, fronte as promesas electoralistas e os anuncios de supostos pedidos para os estaleiros por parte da Xunta do PP, nos últimos dous anos xa se perderon máis de 2.000 empregos na industria auxiliar, nestes momentos non hai nova carga de traballo en carteira e nin sequera dende o Goberno español e galego se aposta pola construción do dique flotante como ferramenta de futuro e solución urxente á falta de actividade.
As centrais sindicais xa están a traballar para que a folga do próximo 12 de xuño sexa todo un éxito. Para iso, teñen previsto iniciar unha rolda de contactos con representantes do movemento asociativo, o comercio e empresarios locais, co obxectivo de solicitar o apio á convocatoria. Así mesmo, celebraranse asembleas nos centros de traballo e accións de cara a concienciar á cidadanía das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal da necesidade de dar unha resposta contundente contra “as políticas nefastas do estado e a Xunta, que actúan contra o desenvolvemento de Ferrolterra”, aseveraba Pintos.
“Non nos queda máis que enfrontarnos contra estas políticas e esixir un cambio de rumbo a través da confrontación”, concluíu.