Saltar ao contido principal

Parabéns Eva Veiga!





A nosa Asociación Cultural Fuco Buxán quere felicitar á gran artista Eva Veiga trala consecución de recente premio Fiz Vergara Vilariño pola súa obra "A distancia do tambor"
Moitos Parabéns Eva!

A poeta Eva Veiga faise co Fiz Vergara Vilariño con "A distancia do tambor".

Coa obra presentada co lema A distancia do tambor a poeta Eva Veiga resultou gañadora coa XIII edición do Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño. A poeta participou recentemente como actriz na longametraxe dirixida por Margarita Ledo, A cicatriz branca.

Un xurado composto por Rosa Enríquez, Xerardo Quintiá e Alfredo Ferreiro, ademais do Concelleiro de Cultura de Sarria, Francisco Pérez e a Presidenta de Ergueitos, Maria Casar, estes dous sen votos, decidiu por unanimidade outorgarlle a XIII edición do Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño á obra A distancia do tambor, da escritora Eva Veiga. O xurado destacou da obra o seu uso “novidoso e minimalista da linguaxe poética a través dunha marcada e contida intensidade expresiva e que propón unha reflexión sobre o espazo como un lugar vivo”.

Natural de Ombre, Eva Veiga comezou a escribir de moi nova, a pouco de aprender a ler e escribir, como ella ten lembrado en evocación da súa infancia na aldea natal. Pouco despois, atraída pola raído, inclinouse polo xornalismo. En 1985 comezou a traballar en El Ideal Gallego para logo desenvolver a profesión en Televisión de Galicia, onde, entre outros programas presentou Entre Nós, De Perfil, Mesa Reservada ou Galicia no Tempo.

Con Fuxidíos fíxose co accesit do Premio Esquío e en 1994 asina canda o artista Alfonso Costa o cartafol Paisaxes do baleiro, título que mantería no poemario publicado por Xerais. En 2010 en Espiral Maior ve a luz, A frecha azul do teixo. Na súa autobiografía publicada no portal da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, Eva Veiga comenta a súavida despois de ter atravesado unha complexa enfemidade cando di: “Agora, adico a meirande parte do tempo á escrita, aínda que o máis certo é que me enredo con canto me sae ó paso. Quizáis sexa porque sinto certa avidez de vivir, como naquelas tardes de infancia na aldea, tardes de plenitude que só o poema é quen de me devolver”. Entre esas aventuras nas que Eva Veiga se implica está a nova película de Margarita Ledo, “A cicatriz branca” que ella protagonizou.