A Asociación Cultural Fuco Buxán solidarízase cos traballadores e traballadoras de FIMO, apoia as súas mobilizacións e convida a toda a cidadanía a acompañarlles nas súas concentracións, en defensa da continuidade dos seus postos de traballo e os seus dereitos laborais.
O persoal, que continúa traballando e esforzándose pola viabilidade da Entidade, leva xa 7 meses sen percibir o seu salario.
Quenda de mobilizacións:
Todos os días de lúns a venres (agás festivos), entre o 18 de marzo e o 18 de abril, de 11,00 a 12,00 horas, en FIMO.
O 27 de marzo de 9,30 a 12,00 horas, no Concello de Ferrol.
O 28 de marzo ás 11,45 horas na entrada de FIMO, durante a inauguración de EQUIOCIO.
O Consorcio Proferias e Exposicións de Ferrol (FIMO), é unha entidade de dereito público sen ánimo de lucro,participada pola Cámara de Comercio de Ferrol (55%), e o Concello de Ferrol (45%).
FIMO, é unha Entidade xurídica propia, rexida por un Consello de Administración formado por 10 membros, 6 da Cámara de Comercio (pertencentes e designados entre os membros do seu propio pleno) e 4 do Concello de Ferrol, (nomeados tamén no pleno do Concello, un representante de cada grupo político integrante do pleno).
Segundo os estatutos, o Presidente de FIMO, é nato da Cámara de comercio, o que quere dicir que en canto a Cámara elixe o seu Presidente, pasa a ser automaticamente e sen excepción Presidente de FIMO.
O Vicepresidente de FIMO, é elixido os membros do Concello, que participan no Consello de FIMO.
Os cargos de Contador, Depositario e Secretario, son elixidos os membros da Cámara que participan no Consello de FIMO.
O Consello de Administración de FIMO, é o que toma todas as decisións executivas da sociedade, e as que o Presidente determine, posto que é o máximo poder da mesma.
A situación que atravesa FIMO, na actualidade, vén arrastrada da mala xestión feita pola Cámara de Comercio (que é a que xestiona, posto que ostenta a maioría), en anos anteriores... Dedicáronse a obras...a gastar máis do que se ingresaba, e a pesar de que as auditorías anuais daban conta dunha situación cada vez máis ruinosa e de maior endebedamento, non fixeron nada para paliar a situación, co consentimento do Concello, que aínda que alegando que eles non xestionan... non fixeron tampouco nada por atallar a situación...
Agora a Cámara de Comercio perdeu a súa recadación e quedouse sen medios. Ocupan toda a 1ª.planta do Edificio de Usos Múltiples, pero agora mesmo, incompresiblemente, non pagan nada dos seus gastos, nin aluguer, nin luz,... iso vai a conta de FIMO, que é a que o paga todo, aínda que non pode. Aínda que eles teñen un edificio propio do que si corren cos gastos...
Todo isto unido á crise económica que arrasa o país, e que levou aos organismos oficiais que a subvencionaban, (Xunta, Deputación..) a reducir drasticamente as partidas aplicadas a FIMO, traduciuse nunhas perdas que levaron á entidade a unha situación dramática: cortes de luz...de teléfonos...falta de pagamentos de nóminas ao persoal..despedimentos...Todo porque os dous socios da Entidade non achegan o suficiente para mantela, e deberían facelo así, porque é unha Entidade sen ánimo de lucro.