Asociación Cultural Fuco Buxán

Stop Desafiuzamentos en Ferrolterra


 Información da Manifestación convocada por Stop Desafiuzamentos, da Rede de Apoio Mutuo Ferrolterra.





Web Fuco

 Comunicado leido ao final da manifestación:

Ola, a todas e todos!
Permitir-me darvos a benvida a esta manifestación de protesta, denuncia e reivindicación, no nome de Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra.

Hoxe non só nos mobilizamos en Ferrol, tamén o están facendo noutras cidades da Galiza: en Vigo, na Coruña, en Compostela, en Ourense, en Lugo, ... e en máis de cincuenta cidades e vilas, do resto do Estado, e nalgunhas cidades do resto de Europa. Son varios centos de miles de persoas as que hoxe saen á rúa para apoiar a xusta e heroica loita das persoas que conforman as plataformas de afectadas e afectados pola hipoteca.

Protestando con Stop-Desafiuzamentos, contra as execucións hipotecarias de persoas sen recursos, empobrecidas polo desemprego e a estafa chamada crise.

Paralizando desafiuzamentos ou conseguindo realoxos.

Acompañando e apoiando ás persoas afectadas por execucións hipotecarias ou ameazadas coa perda da súa vivenda habitual.

Denunciando as prácticas abusivas e o acoso dos bancos, a estafa inmobiliaria, ... e a complicidade necesaria dos diferentes gobernos.

Exercendo a chamada acción social, conseguindo unha vivenda a quen se lle nega ese dereito e non ten outra saída que ocupar.

Non podemos permitir que haxa casas sen xente e xente sen casas. Na nosa comarca hai máis de 16.000 vivendas baleiras, segundo datos do Instituto Galego de Estatística.

Reivindicando, xunto con outras organizacións sociais e sindicais, unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) para levar ao Congreso dos Deputados unha modificación da Lei Hipotecaria. Esta ILP recolle tres medidas que consideramos de mínimos para garantir o dereito á vivenda: dación en pago retroactiva, aluguer social e paralización dos desafiuzamentos.

Mais hoxe estamos aquí, principalmente para  manifestar o noso apoio á Iniciativa Lexislativa Popular que presentamos no Congreso dos Deputados avalada con 1.402.854 sinaturas de apoio (30.283 na Galiza), que en resumo conten tres puntos:
  1. Dación en pago con efectos retroactivos.
    Chámase dación en pago ao feito de entregar a vivenda á entidade financeira coa que se ten a hipoteca a cambio de quedar libre de toda débeda.
  2. Paralización dos desafiuzamentos.
    Sempre que se trate da vivenda habitual e o impago do préstamo hipotecario sexa debido a motivos alleos á propia vontade.
  3. Alugueiro Social.
    A persoa executada terá dereito a seguir residindo na vivenda pagando un alugueiro non superior ao 30% dos seus ingresos mensuais, como mínimo, por un período de 5 anos.
Hoxe continuamos camiñando para defender e esixir o dereito á vivenda, un dereito fundamental sistematicamente vulnerado. Denunciamos a situación dramática á que se condena a vivir a miles de familias que non poden pagar a hipoteca ou o aluguer, que se ven desafiuzadas ou ameazadas coa perda da vivenda, vítimas dunha estafa hipotecaria, da vulneración extrema do dereito á vivenda por parte das entidades financeiras, avaladas polos gobernos que tivemos até agora. Hoxe o Partido Popular no poder, pretende continuar lexislando a favor da grande banca contra a maioría social, cousa que no podemos permitir.

420.000 execucións hipotecarias no Estado os últimos seis anos, e 220.000 desafiuzamentos, son intolerábeis.

As entidades financeiras -responsábeis da crise actual- coa complicidade dos gobernos, que lles dan cobertura cunha lei inxusta que fai que toda a responsabilidade recaia sobre a parte máis vulnerábel, convirtese en destinataria de miles de millóns de euros en axudas públicas sen ningún tipo de contraprestación. Fronte a eses abusos, a cidadanía mobilizada, defendemos o dereito á vivenda, e poñemos enriba da mesa as solucións para acabar con esta estafa. Porque non ten sentido que os bancos acumulen miles de pisos baleiros mentres miles de familias son expulsadas das súas vivendas.

Coa Iniciativa Lexislativa Popular esgotamos todos os mecanismos que nos ofrece o sistema para cambiar unha lei obviamente inxusta. Falamos con concellos, servizos sociais, partidos políticos ... Mobilizamo-nos, paramos desafiuzamentos e fixemos todo o que estaba nas nosas mans para transformar unha situación de inxustiza evidente. As demandas da ILP son demandas de mínimos: dación en pago retroactiva, aluguer social nas vivendas baleiras acumuladas polas entidades bancarias que se enriqueceron coa crise, e moratoria de desafiuzamentos.

A ILP recolleu case un millón e medio de firmas, que se suman ao clamor popular que esixe unha solución xusta e urxente a esta problemática. Non queremos esmola. Non aceptaremos rebaixas. Queremos unhas leis que garantan os dereitos, a igualdade e a dignidade.

A ILP tamén é unha forma de esixir democracia, unha democracia que ten que estar en mans do pobo e non do poder financeiro. Fartas e fartos de mediocridade, corrupción e cobiza, de respostas baleiras e demagoxia, esiximos que se nos escoite e queremos construír unha outra sociedade, xusta, igualitaria, pacifica e sostíbel, unha democracia verdadeira, participativa, con reparto do traballo e da riqueza. E por iso que estamos pola suma das loitas, en defensa do dereito ao traballo, a un salario decente e unhas condicións laborais dignas; en defensa do ensino e sanidade públicas, ameazados con privatizacións e desmantelamento;  por uns servizos públicos universais e de calidade; pola axuda á dependencia; pola transparencia e honestidade na xestión dos recursos públicos; por unha xustiza ao servizo da cidadanía, sen taxas e igualitaria; por un exercicio da política sen privilexios; por unha xubilación digna, non máis alo dos 65 anos; ...

É por todo isto, porque nos temos que apoiar en todas as loitas contra este sistema inxusto, polo que vos convidamos a participar, mañá domingo 17 de febreiro, na Praza de Galicia de Narón, ás 12 do mediodía, na concentración convocada polo Concello de Narón, e apoiada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Área Sanitaria de Ferrol.

Non podemos rematar, sen denunciar ao grupo que goberna no Concello de Ferrol, que malgasta diñeiro público por enésima vez na Praza de España, un millón máis de euros, sobre dezaoito que xa levan malgastado. Mentres, non arranxan as vivendas protexidas da súa propiedade no barrio de Recimil, mantendo nunha espera eterna a máis de 160 persoas nunha lista que agarda por unha casa onde poder vivir. Nin tan sequera atenden as necesidades de emerxencia social que cacarexaron cando anunciaron o seu “Plan de Oportunidades”, só eran palabras para a galería.

É por iso que demandamos un censo de vivendas municipais, non só as de Recimil, senón de todas as que son de propiedade municipal, xa! E un plan real de arranxo das vivendas protexidas, para dotalas de certificación de habitabilidade e atender así as necesidades da veciñanza con poucos recursos económicos, que agarda poder acceder a unha desas vivendas municipais.

A nivel xeral, a situación é grave e urxente. Chegamos a un límite no que hai persoas que se quitaron a vida; nos últimos días foron catro, unha situación que xera un sufrimento cotián a miles de persoas afectadas. A presión social, a xente na rúa, conseguiu facer variar a postura inicial do Partido Popular que non estaba disposto a que a ILP pasara da Comisión ao Pleno do Congreso dos Deputados para ser debatida. Ao final a ILP conseguiu pasar o trámite. Mais non podemos esperar meses á aprobación da ILP, tampouco nos podemos permitir que non se aprobe. Non nos quedaremos cos brazos cruzados esperando a que a ILP chegue ao Congreso. Non podemos facelo mentres a máquina financeira asasina siga funcionando.

Desde aquí facemos un chamamento a todos os partidos políticos a votar a favor da ILP e tramitala de xeito urxente. Si non o fan, sinalarémoslles como responsábeis do xenocidio financeiro que estamos sufrindo e terán que aterse ás consecuencias. Aumentaremos as accións de denuncia e desobediencia civil fronte a aqueles que se neguen a aprobar a ILP, e invitamos a toda a cidadanía a sumarse.

Pero non nos pararemos aquí, a nosa loita é unha loita polo dereito á vivenda. “Xente sen casas, e casas sen xente, non se entende”. Bancos que acumulan miles de vivendas baleiras, mentres familias e persoas vense abocadas á rúa. Fronte a este sinsentido, xunto coa campaña de sinalización, as Plataformas de Afectad@s pola Hipoteca anuncian que se intensificarán as campañas de recuperación de pisos baleiros en mans de entidades financeiras.
  • Esiximos dación en pago retroactiva, aluguer social e stop desafiuzamentos xa!
  • Esiximos o dereito á vivenda!
  • Esiximos o fin dos abusos da banca!
  • Esiximos o fin do xenocidio financeiro!
  • Sinalaremos aos responsábeis, non pararemos até conseguir os nosos obxectivos!
Non estás só!
Xuntas e xuntos podemos!

En Ferrol, a 16 de Febreiro de 2013

Stop-Desafiuzamentos
Comisión Dereito a unha Vivenda Digna
da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra

A+ | a-

Séguenos no Twitter