Saltar ao contido principal

Fotos da segunda sesión homenaxe a Celso Emilio Ferreiro



Estupenda segunda sesión da homenaxe a Celso Emilio Ferreiro coa actuación de María Manuela acompañada de Xurxo Varela. Presentou Rosa Méndez, en nome do Ateneo Ferrolán e Fuco Buxán. E recitaron a poesía de Celso Emilio: Rosa Méndez, Helga Méndez, Lorena Calaza, Xosé Leira e Fernando Ocampo. 

Todo moi ben amenizado por unha estupenda actuación musical de María Manuela. Toda unha homenaxe a Celso Emilio Ferreiro que fixo achegarse a súa figura e a súa obra.


TEMPO DE CHORAR

Hei de chorar sin bágoas duro pranto
polas pombas de luz aferrolladas,
polo esprito vencido baixo a noite
da libertá prostituída.
As espadas penduran silandeiras
coma unha chuvia fría diante os ollos
e teño que chorar na sombra fuxidía
diste pútrido vento
que arromba a lealtá e pon cadeas
no corazón dos homes xenerosos.

Pois que somente os ollos me deixaron
para chorar por iles longos ríos,
hei navegar periplos, descubertas
por tempos que han de vir cheos de escumas,
por onde o día nasce,
alí onde xermola o mundo novo.
Pois que o que chora vive, iremos indo;
indo, chorando, andando,
salvaxe voz que ha de trocarse en ira,
en coitelo de berros i alboradas
para rubir ao cumio dos aldraxes.

E pois que cada tempo ten seu tempo,
iste é o tempo de chorar.

Celso Emilio Ferreiro