Dende a revolta dos Irmandiños até as mortes en Gaza, a arte deste ferrolán fuxe de banalidades e conecta co real
‘É humanidade’ é como se deu en chamar a selección antolóxica de Xoán Braxe que xa está dispoñible no Torrente Ballester. Nado en Caranza cando aínda era unha aldea, o autor de esculturas públicas como o monumento ao Dez do Marzal ou a fonte da Ranita demostra a través da súa obra que hai historias “sen caducidade”, tal como referencia unha das pezas expostas, que aínda que se aplica á situación en Siria, nesta selección o visitante tamén pode trasladarse a outros puntos do planeta ou quedarse en Ferrol.
Fai arredor de 25 anos que a súa obra foi exposta entre estes mesmos muros que un día foron o Hospital de Caridade, cunhas dimensións incluso maiores das que ten a mostra actual, composta por 120 pezas que se seleccionaron das 239 propostas inicialmente.
Naqueles tempos, concretamente no ano 1999, tamén lle rendiu tributo cunha antoloxía o Ateneo Ferrolán, unha entidade para a que colaborou elaborando numerosísimos carteis, folletos e programas de temáticas tan diversas como as vogalías coas que contaba a asociación: historia, ecoloxía, feminismo... entre outras como a que ocupou Braxe, de artes plásticas.
Na entrada da exposición atópase unha vitrina cunha selección destes traballos, xunto cun par de maquetas de barro que lle serviron de modelo para outras obras expostas no andar superior. Mais, o paso de Xoán Braxe polo Ateneo está moito máis presente na súa produción do que cabería pensar.
Moi preto da entrada, a súa última escultura, unha arte que tivo que deixar máis de lado, polo menos nun formato grande, do mesmo xeito que o gravado, debido aos produtos químicos que utilizaba, aínda que continúa activo creando e innovando. Así mesmo, a sala contigua, a única que está apartada do resto, aproveitouse para agrupar unha selección máis íntima, na que o seu círculo poderá recoñecer algunhas caras ou recordos asociados á familia, aínda que esta parte é minoría.
Camiño
Xoán Braxe formouse durante un ano con Carlos Villaamil, xusto antes de que enfermara de cancro, polo que comezou pintando paisaxes nunha primeira etapa “moi clásica” coa que decidiu rachar, canso de facer o que non lle enchía. De feito, o desapego coa súa obra é unha constante: “despois de cada exposición solía romper toda obra que non me gustara”, declara. “E queimala tamén”, engade a súa filla Beatriz, que axudou na mediación e colocación da mostra, co asesoramento do responsable do Torrente Ballester, José Liñeira.
Debido á súa timidez, relata, foi a través dun amigo pintor, José Francisco, que Braxe comezou as ansiadas clases co seu seguinte mestre, Ricardo Segura Torrella, con quen afianzou coñecementos e quen lle deu “un impulso importante”, a pesar de que as leccións non acadarían máis de seis ou sete meses.
O seu camiño é o dun artista que “me fun facendo a base de lecturas e de ver as poucas exposicións que me interesaban de aquí”, entre as que poñía no “número 1” as de Torrella. Chegado a un punto, pois as datas non son o seu, decatouse de que estaba a experimentar “o que lle pasa á maioría dos alumnos de Ricardo”, que en lugar de influenciar a súa obra estábaa “absorbendo”.
Así, no momento que se afastou, no sentido artístico, “foi o Ateneo o que me axudou a min”, e non o contrario, xa que ao entrar “en contacto con xente, compañeiros de Bazán que estaban concienciados co asunto da cultura”, foi espertando un movemento obreiro na cidade que contribuíu á construción dunha voz propia.
Braxe comezou a falar do mundo e a posicionarse políticamente a través das súas creacións, tocando temas como o militarismo e as guerras, as mareas negras do Prestige, a revolta dos Irmandiños, os mariscadores reconvertidos do sector naval ou os intereses que hai tras os incendios nos montes galegos.
Este último exemplo é un de tantos que teñen relación coa ecoloxía, unha das súas temáticas predilectas, que ao mesmo tempo podería conectarse coa súa metodoloxía. Quen se aproxime á produción de Braxe poderá percatarse do uso de materiais reciclados, sempre cun sentido, como pode constatarse particularmente ao adentrarse no primeiro andar: refugallos que aportan volumes e mensaxes, entre os que destacan recortes de prensa que o propio artista anima a non pasar por alto, xa que achegan información valiosa para entender tanto a propia peza como un contexto que semella non cambiar por moitos anos quetranscurran.
