|
Ante a publicación por parte do Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra nos medios de prensa (pagada co diñeiro de tódolos colexiados e sen contar ca voz dos que non apoian a convocatoria dunha folga para reclamar un estatuto propio), denunciamos o nesgo político deste posicionamento que apoia a un colectivo que só representa a unha parte do persoal facultativo que defende intereses non compartido por todas as persoas colexiadas.
Consideramos falso dicir que “A folga no é contra ti, é para seguir coidándote como te mereces” xa que os sindicatos corporativos convocantes desta folga indefinida non ten en conta o prexuízo que xera a cidadanía e ao sistema público sanitario a cancelación de miles de consultas. Apoiando a tan so unha parte do persoal colexiado o Colexio Medico mostra o seu carácter partidista desta folga.
Existe un gran malestar profesional pola inestabilidade e precariedade laboral que soporta todo o persoal do Sistema Sanitario Público (consecuencia do Estatuto Marco do persoal do Sistema Sanitario aprobado polo goberno de Aznar no 2003), que é lexitimo combater. Sen embargo o Colexio de Pontevedra oculta que é o SERGAS o responsable de establecer as condicións laborais do persoal facultativo, réxime retributivo, complementos salariais, xornadas de traballo, organización das gardas, libranzas, vixilancia da saúde laboral, conciliación, etc.,
Os sindicatos corporativos con esta folga indefinida non pensan na cidadanía nin no prexuízo que xera ao sistema sanitario público, o que pretende coa demanda do Estatuto propio, é conseguir un marco de negociación ao marxe do resto do persoal que traballa no sistema sanitario público, e blindar a dobre dedicación a sanidade pública e privada. Non compartimos esta demanda porque rompe a igualdade de dereitos e favorece a privatización da sanidade pública.
Defender a Sanidade Pública exixe poñer límites claros aos conflitos de interese que debilitan o público dende dentro, especialmente no caso do persoal directivo, xefes de servizo, xefes de unidades e cargos intermedios, por iso o Estatuto Marco debe reforzar a incompatibilidade en estes postos.
A intención dos Sindicatos Médicos Corporativos e conseguir un Estatuto Propio do persoal médico para:
· Acabar co sistema de negociación colectiva nas Mesas Sectoriais onde os diferentes sindicatos establecen coa Administración as condicións laborais de todo o persoal da Sanidade Pública. Os sindicatos corporativos queren negociar por separado, ao marxe do resto do persoal, para impoñer súas reivindicacións ligadas a manter a compatibilidade entre o traballo na sanidade pública e na privada e manter privilexios.
· Blindar, como pretenden, a Dedicación á sanidade Pública e a Privada do persoal médico, incluídos os Xefes de Servizo, Unidade e mandos intermedios, vulnera a Lei de Incompatibilidades do Sector Público. A dobre dedicación facilita a fuga de profesionais a sanidade privada, impide a plena utilización dos recursos públicos e favorece os conflitos de interese na práctica clínica.
· A Consellaría aproveita a folga para gañar tempo, xustificar o malestar da cidadanía e incumprir os seus propios compromisos . Grazas a folga, e as anulacións de citas, o Conselleiro ten unha nova desculpa para xustificar as enormes listas de agarda e o deterioro da nosa sanidade pública.
Desde a nosa Asociación exiximos ao Colexio de Médicos de Pontevedra una rectificación pública do apoio a unha parte do colectivo medico.
Recordamos que a afiliación aos Colexios Médicos e obrigatoria.
Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública