As instalacións acollen neste momento a exposición internacional 'HeART of Gaza'
A peza de microteatro da dramaturga británica Caryl Churchill ‘Sete crianzas xudeas’, que foi traducida ao galego, adaptada e dirixida por Helga Méndez, representarase este xoves 9 no Centro Cultural Universitario do Campus Industrial de Ferrol. Esta intervención, en dous pases con faladoiro incluído (ás 19.30 e ás 20.15) virá da man do grupo de teatro amador de Artábria.
O espectáculo, que explora a maneira na que as nenas e nenos son adoutrinados, a partir de personaxes que son todos adultos, vai asociado á exposición que propuxo o colectivo Ferrol con Palestina, a través de BDS Galiza, no mesmo Centro Cultural Universitario. Así pois, esta cita constitúe un atractivo máis para visitar ‘HeART of Gaza’, composta de debuxos infantís complementados cun texto e audio.
Interpretan a peza Amir Ismail, Carmen Barrios, Helga Méndez, Inés Fernández, Lola Vilar, María Xosé Martínez, Maribel Carro, Maysa Ismail, Óscar López e Xabier Gil.