As reunións de todo tipo do Padroado do Pedrón de Ouro, celebradas en ben diferentes lugares, foron o espazo onde tiven unha maior e continua relación –nada menos que os últimos 30 anos– con Manuel Caamaño Suárez. Foi tamén a derradeira, xa que nos deixou o pasado domingo aos 90 anos de idade.
Noiés de nacemento, e de corazón, residiu case sempre na Coruña, exercendo a súa profesión de aparellador ou arquitecto técnico –en denominación posterior– nunha grande empresa construtora e a de impartir aulas de arquitectura popular galega, materia na que era un excelente especialista, na Escola de Arquitectura Técnica da Universidade da Coruña. O ámbito universitario coruñés foi tamén un espazo no que nos relacionamos. Ambos formamos parte do loitador colectivo Orvallo.
O longo poema ‘Revista de unha corrida ¿de touros? na vila de Noia feita por un labrego’ (1896), de Labarta Pose, sempre me vén á cabeza cando lembro cando, onde e por que coñecín a Manolo Caamaño. Debe ser porque foi ás 5 da tarde –non sei se en punto–, hora ben taurina, mesmo para os que nada gustamos do toureo, cando tivo lugar o noso primeiro encontro. A esa hora saía eu de clase e un bo día achegóuseme unha persoa, para min, que tiña 25 anos, un señor, que quería falar comigo. Presentóuseme como presidente da Agrupación Cultural O Facho e estaba interesado en poder contar cos meus servizos para impartir un dos cursos de lingua galega, abertos a todo tipo de interesados, que a agrupación viña celebrando desde 1964, practicamente desde a súa fundación. Aceptei moi gustoso o convite e impartín dous deses cursos no Instituto Eusebio da Guarda, no salón de actos e en aulas repletas de xente. Acababa de morrer o ditador –que non a ditadura franquista– e moitísima xente mostraba interese polo idioma e a cultura galega.
Foi unha experiencia inesquecible, o mesmo que coñecer e tratar desde aquela os e as responsables d’O Facho, Manolo Caamaño o primeiro.
Daquela tiña eu moi escasa idea do que era O Facho, porque ata o comezo do curso 1975-76, en que me incorporei como profesor ao Colexio Universitario da Coruña, a miña relación –abondosa, por certo– coa urbe coruñesa fora exclusivamente, ou case, deportiva, xa como atleta, xa como espectador futbolístico. Pouco máis sabía que Carlos Casares con ‘A galiña azul’ e Bernardino Graña con ‘O león e o paxaro rebelde’ (1969) gañaran o premio de contos para nenos e que ‘As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas’ (1973), tamén de Casares, gañara o de teatro infantil.
Con Manolo Caamaño coincidín noutras moitas cousas, sempre relacionadas coa causa galega: o Museo do Pobo Galego, a experiencia política de Anova... e debo dicir que foi un marabilloso honor ter tratado unha persoa tan de ben, tan grande, acorde coa orixe do seu apelido: QUAM MAGNUM.
