Saltar ao contido principal

Estúpidos apelativos

 


                                               XOAN RUBIA


Cóntame un amigo meu, exdeputado autonómico, socialista dos de verdade e como tal home dun constatado humanismo, que nunha ocasión no Parlamento Galego un deputado referiuse ao colectivo dos practicantes co apelativo de “pincha cus”, como facéndose o simpático, vaia, sen ánimo de ofender. El contestoulle que, postos a cualificar, había outro colectivo composto por aproveitados “lame cus”, dito tamén sen ánimo de aldraxe.

Hai que ter coidado coas verbas pois moitas veces as carga o diaño. Un pode crer que está a facer unha broma, vale, pero non deixa de ser unha chanza de mal gusto referirse ao colectivo de enfermaría como os “pincha cus” ou mesmo ao dos médicos como “mata sans”, aos avogados “pica preitos” , aos xornalistas “plumillas”, aos albaneis “chapuzas” ou aos gardas civís “picoletos”, por poñer algúns exemplos máis representativos dos apelativos mais ou menos “agarimosos” usados polos que queren ser falangueiros diante da concorrencia. O caso é que estes cualificativos aparecen polo miúdo nas conversas que transcorren nun ambiente chamado desenfadado, pero que resultan verdadeiramente rechamantes e mesmo ofensivas dependendo do foro e da intención de quen as pronuncie.

É verdade que os nosos políticos son o fiel reflexo da sociedade que habita fora das paredes do Parlamento e moitas veces trasladan o discurso tabernario á tribuna desta institución onde se debaten as cousas que inciden directamente no devir da cidadanía. Fágano coa contundencia debida, si, pero coa educación esixida aos que teñen que daren exemplo de bo comportamento. Aquí, neste foro, onde se toman decisións diante das que nos xogamos tanto, o improperio, o insulto, a mentira, a descualificación máis abxecta, están á orde do día e deberan ficaren fora desta institución (autonómica ou estatal).

Ao persoal de enfermaría pódeselle chamar practicantes, Axudantes Técnicos Sanitarios (ATS) ou Diplomados Universitarios en Enfermaría (DUE), teñen onde elixir. O de “pincha cus” mellor é deixalo para os estúpidos “gilipollas” que habelos hainos, dito tamén sen ánimo de ofender aos “gilipollas”, miñaxoias.